“Apego” para o fomento e mellora da transmisión interxeracional do galego en Ferrol
A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, informou esta mañá das actividades que se desenvolverán ao abeiro da campaña “Apego”, para o fomento e mellora da transmisión interxeracional da lingua galega. Trátase dunha iniciativa que busca implicar as familias tecendo redes de apoio para a transmisión do galego como lingua de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. A Concellería de Normalización Linguística asinou o pasado mes de marzo o protocolo de colaboración para o desenvolvemento deste programa no que o Concello de Ferrol está a traballar conxuntamente cos municipios de Baña, Carballo, Carnota, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.
A primeira fase terá diferentes puntos: campaña de difusión, caixa de benvida, accións despois do nacemento ou adopción e a creación dun espazo web informativo. A campaña de difusión para socializar o proxecto e a mensaxe realizarase a través da distribución de folletos informativos e de carteis no espazos como clínicas maternais, servizos de pediatría ou asociacións. A concellería de Normalización Lingüística explicou que esta primeira fase tamén inclúe a entrega dunha “caixa de benvida” ás familias que agardan ou adopten un bebé “procurase que o contido faiga reflexionar ás familias sobre a importancia da transmisión interxeracional da nosa lingua”.
“Caixa de benvida” con material didáctico
Esta caixa contén material como un boneco -un polbo que é símbolo da campaña-, un libro, un álbum para as lembranzas do primeiro ano de vida, un medidor, un adhesivo para o coche e un marcapáxinas. Os interesados que cumplan os requisitos poderán recoller a súa “caixa de benvida” no departamento de normalización lingüística do Concello a partir do vindeiro mes de xuño. Así, e despois do nacemento ou adopción do bebé, as familias poderán recoller un cd con doce cancións dos discos da colección Sonárbores de Editorial Galaxia. Estas accións deseñadas polo Concello de Ferrol para a campaña “Apego” tamén inclúen a creación dun espazo web de información e intercambio de recursos culturais, educativos e formativos para as familias. Esta rede permitirá ás familias coñecer as actividades das diferentes áreas municipais para recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego. O espazo web pódese consultar na seguinte ligazón: www.apego.gal.
Por outra banda, a segunda fase do programa incluirá a organización de obradoiros de formación para os colectivos implicados en “Apego”. Así, a edil Martina Aneiros Barros avanzou que está prevista a realización de obradoiros para as familias sobre cantos de berce e xogos de dedos así como de contacontos para os máis pequenos. Tamén se levarán a cabos para profesionais da educación e dos espazos lecer unha xornada de achegamento de materiais en galego para escolas e ludotecas.
Obxectivos e destinatarios de “Apego”
Os obxectivos do programa “Apego” son incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial así como promover que o usen de maneira habitual. Esta liña de traballo que desenvolverán conxuntamente os doce municipios responde á necesidade de reforzar a transmisión da lingua a través da organización de accións dirixidas ao ámbito familiar, educativo, de conciliación e de lecer que procuren sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico e a súa transmisión. Os principais ámbitos de intervención serán a familia, os centros de saúde e maternidade, espazos de lecer, escolas infantís, ludotecas, educación infantil e actividades extraescolares, de conciliación e de tempo libre.











