Ana Obregón e Teté Delgado chegan cos seus sofocos a Vilagarcía
Despois de ser representada en 23 cidades de España, de gozar con ela 200.000 espectadores e de contar no seu haber con máis de 600 horas de risas, a comedia “Sofocos Plus”, chega o venres, 15 de maio ao Auditorio de Vilagarcía cun elenco encabezado pola polifacética Ana Obregón que, para a ocasión, comparte acaloramentos coa galega Teté Delgado, Elisa Mantilla e Fabiola Tous. As entradas xa se poden adquirir a través de servinova.
“Sofocos Plus” é a cuarta versión dunha exitosa saga que comezara con “Sofocos”, seguiu con “Máis Sofocos” e recuncou con “Re Sofocos”. As actrices que padeceron tales acaloramentos e precederon ás do cartel co que chega a Vilagarcía foron Lolita Flores, Paz Padilla, Loles León, Charo Reina e As Virtudes.
Esta cuarta edición supón un novo e irónico chisco sobre os cambios hormonais que sofren as mulleres cando lles chega a menopausia. A través de novas historias da vida cotiá que se desenvolven na perruquería, no supermercado ou no ximnasio, esta comedia promete liberar ás mulleres do falso mito da histeria hormonal unha vez cumpridos os cincuenta anos e converter aos homes non seus cómplices.
Para facer rir ao público con estas situacións, as actrices interpretarán, pero tamén cantarán e bailarán, para o cal contan coa dirección da coreógrafa Lola González, directora da academia televisiva “Fama a Bailar”. E todo elo, aderezado coa colorista imaxinación de Ágatha Ruíz de la Prada, deseñadora do vestiario.
Ademais do cartel das actrices protagonistas e a colaboración especial e virtual do presentador Carlos Sobera, esta obra de teatro conta co aval da dirección de Juan Luis Iborra (guionista de comedias como “El robo de la jojoya” ou “Por qué le llaman amor cuando quieren decir sexo”), dos guionistas Antonio Albert (“Hoy por Hoy”, da Cadena Ser) e Sonia Gómez (“Al Salir de Clase” ou “Matrimonio con Hijos”).
Entrada única a 18 euros
Para asistir a esta función hai unha única entrada, a 18 euros (máis gastos de xestión na venta anticipada). As localidades están dispoñibles xa na web www.servinova.com e na billeteira telefónica do 902 504 500. Tamén se porán á venta o día da función, a partir das sete da tarde no Auditorio.











