Altia ganou en 2014 un total de 4,5 millóns de euros e destina 1,1 a dividendos

Xunta xeral de accionistas. Foto: Moncho Fuentes
Altia, empresa especializada en servizos avanzados de alto valor engadido no sector TIC, gañou 4,5 millóns de euros en 2014, dos que destinou 1,1 á repartición de dividendos.
Ademais, a compañía, que ten centros de traballo na Coruña, Vigo, Santiago, Vitoria, Madrid, Valladolid, Alacante e Toledo, rexistrou unha cifra de negocio consolidada que superou os 54,08 millóns, un 19% máis que o ano anterior e por encima (un 9%) do previsto no plan de negocio da compañía.
“Este dato representa un 9% máis do previsto no plan de negocio da compañía, que era de 49,4 millóns”, destacou o presidente de Altia, Constantino Fernández Pico, na reunión da xunta xeral de accionistas celebrada na Coruña, que aprobou as contas da compañía relativas ao ano pasado.
Fernández Pico resaltou, segundo indica a firma nun comunicado de prensa, que “ao crecemento contribuíron a consolidación de novos negocios de tamaño considerable e elevada recurrencia, a maduración dos investimentos acometidos en 2013 e a mellora da posición comercial en grandes contas do sector TI”.
O aumento que se produce nos resultados reflíctese no resultado antes de impostos (EBITDA) consolidado, que aumentou un 37% respecto de 2013 e chegou a 7,19 millóns de euros (o que supón un 13,3% sobre vendas)”.
BENEFICIO NETO E DISTRIBUCIÓN DE DIVIDENDOS
Xunto a isto, na xunta expúxose que o beneficio neto consolidado -despois de impostos- en 2014 foi de 4,5 millóns de euros, dato que mellora nun 38% o previsto.
Doutra banda, na reunión abordouse tamén o pago dun dividendo total de 1,1 millóns de euros, o que supón un 24,4% do beneficio neto total. Así, a compañía vai distribuír entre os seus accionistas un dividendo de 16 céntimos por acción.
Desde a súa orixe en 1994, Altia desenvolve proxectos en diversos sectores de actividade como o industrial, o financeiro, o sector servizos, o ámbito das telecomunicacións ou as administracións públicas.
Desde fai máis de catro anos -o 1 de decembro de 2010- as súas accións cotizan no mercado alternativo bolsista (MAB) no segmento de empresas en expansión.











