Alejandro Vargas presenta en Redondela o mellor da súa discografía
Alejandro Vargas, premio Cubadisco de Jazz, presenta na Rede de Músicas Soltas de Redondela, o mellor da súa discografía e adiantos das súas novas composicións. O concerto terá lugar no Auditorio da Xunqueira o sábado 23 de maio, ás 21 horas, e as entradas teñen un custo de 4 euros. No espectáculo musical contarase con Alejandro Vargas ao piano, Carlos Freire á batería e José Manuel Díaz no contrabaixo.
Alejandro Vargas
Despois de Chucho Valdés, Vargas está considerado en Cuba como o renovador do jazz con raíz cubana. Graduado no Instituto Superior de Arte da Habana cunha tese sobre o órgano oriental, o ritmo máis tradicional da música do oriente de Cuba e, en concrrto da cidade de Holguín na que naceu, Vargas é un reputado mestre de jazz. Co seu grupo acadou en tres ocasións o maior premio de Cuba no ámbito do jazz. Con esa formación viaxou por América Latina, onde deu concertos nos maiores festivais do Brasil, Ecuador… e Europa, onde tocou en Francia, Suíza, Noruega…
Vive en Galiza desde 2009, tras formar parte do proxecto cubano-galego Descarga ao vivo. Aquí ten composto, arranxado e participado en diversos proxectos musicais entre o que destaca as Miniaturas Musicais de Granell, Premio Especial Cubadisco en 2013.











