Alberto Corbacho convértese no mellor triplista da liga Endesa por terceiro ano consecutivo
O xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Alberto Corbacho, recibiu o premio Plátano de Canarias por terceiro ano consecutivo, que o nomea de novo Mellor Triplista da liga Endesa. Cun total de 98 tiros convertidos desde máis aló dos 6.75 metros, o balear volve ser o xogador con máis triplos da competición, cunha media de 2.88 por partido e unha porcentaxe de acerto de 35’64%. Grazas a iso, Plátano de Canarias, patrocinador da liga, doará 490 quilos de plátanos aos Bancos de Alimentos españois, aos que se lle sumarán outros cinco quilos por cada un dos demais triplos anotados en todo o curso.
O balear declarou sentirse “moi contento e satisfeito. É unha faceta que sempre se me deu ben e ser outra vez por terceiro ano o primeiro é un gran orgullo, así como pertencer a esta familia obradoirista e corresponder todo o positivo que me dá o Rio Natura Monbus Obradoiro e Galicia”. Recalcou tamén que os seus compañeiros teñen “absolutamente todo que ver nisto. É un deporte de equipo e está claro que traballamos para axudar uns a outros”. Tamén se mostra agradecido pola iniciativa solidaria de Plátano de Canarias, que cualifica como “espectacular”.











