AIMEN Centro Tecnolóxico superou os 11,6 millóns de euros de ingresos no exercicio de 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

AIMEN Centro Tecnolóxico presentou esta mañá, no transcurso da súa Asemblea Xeral celebrada no Centro de Aplicacións Láser do Porriño (Pontevedra), os resultados do pasado exercicio, no que a cifra de ingresos situouse en 11,6 millóns de euros. Isto foi posible grazas á intensa actividade innovadora desenvolvida por AIMEN en colaboración con empresas galegas e españolas. A isto úneselle a prestación de servizos tecnolóxicos de alto valor engadido a máis de 700 empresas de 20 países, entre os que destacan España, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Brasil, India, Noruega, Suecia, Países Baixos ou Uruguai, aumentando así a súa presenza internacional.

En 2014, AIMEN Centro Tecnolóxico traballou na execución de 54 proxectos de I+D+i, dos cales o 25% son de ámbito europeo. Estas iniciativas, nas que participaron 342 empresas, tiveron como finalidade ofrecer melloras competitivas en procesos de fabricación avanzada, robótica e control, materiais ou tecnoloxías ambientais para sectores estratéxicos, como o metalmecánico, a automoción, o naval, o enerxético ou o aeronáutico.

Ademais, puxo en marcha 19 novos proxectos de I+D+i, 2 deles liderados polo propio centro tecnolóxico no marco da primeira convocatoria H2020. Estas novas iniciativas supuxeron un retorno económico de 12 millóns de euros, dos que 5,8 millóns recaeron en empresas galegas.

Así mesmo, cabe destacar que AIMEN atesoura un total de 14 patentes industriais, das cales 4 foron concedidas no último ano.

Creación de emprego e novas instalacións tecnolóxicas

O pasado exercicio, AIMEN Centro Tecnolóxico realizou 42 novas incorporacións de persoal, incrementando o seu persoal de case 200 profesionais nun 12% respecto de 2013. O 75% do seu equipo humano ten formación superior (son doutores, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos e licenciados).

Por outra banda, tamén mellorou en 2014 as súas instalacións tecnolóxicas, coa posta en marcha do novo Centro de Aplicacións Láser de AIMEN e a adquisición de equipamento por un importe superior aos dous millóns de euros, grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia e do Goberno central.

Destaca ademais que, o pasado ano, o centro tecnolóxico conseguiu a certificación en UNE-EN 9100, a norma internacionalmente recoñecida para avalar o sistema de xestión de calidade aeroespacial, que capacita ao centro para a execución de traballos orientados a aumentar a calidade, fiabilidade e seguridade dos produtos aeroespaciais.

14 de maio de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.