AFAL foi seleccionada para participar no VI Congreso Nacional de Alzheimer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto Gondell, informou esta mañá de que a asociación foi seleccionada para participar como relatora no VI Congreso Nacional de Alzheimer CEAFA (Confederación Española de Asociacións de Familiares de Enfermos de Alzheimer), que terá lugar en Valladolid en novembro. Un recoñecemento, sen dúbida, ao labor que desenvolve AFAL Ferrolterra e, tal como explicou Prieto Gondell, nun terreo moi significativo como é o da investigación social. Así, a asociación exporá o “Proxecto europeo UnderstAid e perfil do usuario e coidador familiar dun centro de día como elementos crave na instauración de estratexias de intervención”. Un relatorio que se integrará na mesa “As AFAs como centros de investigación social” e na que tamén tomará parte a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFA) Zamora, cunha conferencia sobre o “Perfil socio-demográfico e clínico dos usuarios dun centro de día específico en demencias”.

“UnderstAid” é un proxecto europeo que ten por obxectivo elaborar unha aplicación intelixente que, xestionada a través dunha tablet ou Smartphone, permita aos coidadores recibir información instantánea sobre os aspectos que lles preocupan da enfermidade. Neste sentido, AFAL Ferrolterra participou facilitando o acceso aos familiares dos seus usuarios a fin de que os investigadores do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade de Coruña recollesen a información necesaria para saber que temas son do seu interese e elaborar os contidos de acordo ás necesidades detectadas.

13 de maio de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.