Aemos organiza un encontro de interconexión entre empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Tras os bos resultados obtidos, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) decidiu continuar coa organización de encontros cuxo obxectivo é promocionar os seus negocios, xerar alianzas comerciais entre empresas e facilitar a interconexión cara a un beneficio mutuo. Desta maneira, o vindeiro mércores, 13 de maio, AEMOS, en colaboración co BBVA, celebrará un almorzo de negocios, centrado na exploración de novos mercados e no establecemento de alianzas comerciais entre empresas.

Baixo o título “Novas alianzas – novos mercados”, o evento está dirixido a 15 micropemes que se reunirán co obxecto de presentarse unha a unha, coñecerse, compartir inquietudes e expectativas nos negocios co denominador común, nesta ocasión, da internacionalización.

O núcleo de interese sobre o que virará a xornada, dunha hora e media de duración aproximadamente, corresponderá á internacionalización dos negocios, servindo o evento ademais de promoción comercial a cada unha das empresas participantes, as cales poderán presentar os seus produtos ou servizos ás demais entidades presentes, describindo brevemente as súas expectativas de negocio e mostrando a súa predisposición cara á interacción co resto de asistentes.

A colaboración do BBVA vén dada da man dun experto que abordará a cobertura de riscos de saír ao exterior.

O acto dará comezo ás 09.00 horas. As empresas interesadas en asistir deben contactar con AEMOS no teléfono 986 49 88 20 ao obxecto de formalizar a súa inscrición. O prezo é de 5 euros para os asociados e de 10 euros para os non socios.

7 de maio de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.