Aemos destaca o seu alto compromiso social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O emprego é unha das máximas prioridades da Asociación de Empresarios de Mos (Aemos), obxectivo no cal centran todos os seus esforzos e actuacións a día de hoxe. No entanto, a entidade ademais de funcionar como canle de demanda e oferta, dando resposta ás necesidades do mercado laboral actual, cumpre o seu labor de representación, defensa e fomento dos intereses dos seus máis de 300 asociados, á vez que exerce un compromiso coa sociedade mediante alianzas e colaboracións con diferentes colectivos. E é que un dos seus quefaceres diarios, centrado na procura da cohesión e dinamización do tecido produtivo local, lévano a cabo estimulando a implicación do empresariado no desenvolvemento e na participación da comunidade mosense.

Aemos desenvolveu distintas actuacións de impacto na comunidade social na que interactúa. O emprego é o output máis relevante aínda que o apoio a colectivos máis desfavorecidos, a través de asociacións como Cogami, xunto á comunidade educativa presente no municipio, son ámbitos de actuación nos cales Aemos puxo especial atención ao longo do seu labor asociativo, contribuíndo ao desenvolvemento de actividades e á posta en disposición de recursos que faciliten a súa dinamización e interacción na comunidade na que participan.

Desde o seu nacemento no ano 1994, Aemos destaca polas súas iniciativas sociais, establecendo políticas de apoio aos cidadáns da contorna máis próxima. Así, colabora co Departamento de Asuntos Sociais do Concello de Mos mediante a campaña “Ningún Neno sen Xoguetes”, coa Asociación Contra o Cancro, con entidades deportivas, coa Fundación Pazo de Mos, con diversas asociacións culturais e veciñais e con centros educativos de educación secundaria e profesional a través do impulso de acordos sobre cohesión e participación social. Así, no IES de Mos creouse unha aula de novas tecnoloxías a disposición da comunidade educativa e ao obxecto de achegar a cultura empresarial ao sistema de ensino regulado. Ademais, este ano incrementouse a colaboración AEMOS & IES de Mos para facilitar a cultura do deporte do pádel ao alumnado do centro, de maneira que Aemos asume o transporte dos estudantes ao centro Ipadel para a práctica desta modalidade deportiva.

Estes son algúns dos múltiples exemplos que poderían mencionarse ao longo dos últimos 10 anos. Empresarios implicados e comprometidos coa comunidade social na que interactúan: Un Mos Empresarial + Social!!

29 de maio de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.