Adxudícase o proxecto de construción da pista multideportiva e parque biosaudable públicos en Monte Claro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha acordou, na súa última sesión ordinaria, adxudicar o proxecto de construción dunha pista multideportiva e unha área verde con parque biosaudable públicos na urbanización Monte Claro (parroquia de Cabovilaño).

O Concello da Laracha investirá nesta actuación 70.000 euros procedentes na súa totalidade de fondos propios municipais. O obxectivo é fomentar os estilos de vida saudables reforzando a cobertura en instalacións públicas de uso libre para facilitar a práctica deportiva á poboación municipal en xeral.

As obras previstas serán executadas pola empresa larachesa Construcciones J. Esmorís e Hijos, sociedade que realizou a oferta máis favorable para o Concello entre todas as que se presentaron ao procedemento de contratación.

A nova pista multideportiva será de uso libre e estará delimitada por un peche de malla. O proxecto contempla o marcado das liñas dos terreos de xogo para a práctica do fútbol sala, baloncesto e tenis, incluíndo o correspondente material preciso para cada modalidade.

Pola súa parte, a zona verde prevista contará con itinerarios peonís para un cómodo tránsito a pé, mobiliario urbano para ser empregada como área de descanso e esparexemento, e tamén cun parque biosaudable co obxectivo de facilitar o exercicio físico ás persoas maiores e ao colectivo da terceira idade.

Tanto a pista multideportiva como a área verde con parque biosaudable serán públicas, para uso xeral da veciñanza larachesa e crearanse nunha parcela de titularidade municipal que está cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para albergar equipamentos. O seu emprazamento será excelente ao ubicarse nunha zona residencial que conta con excelentes comunicacións por situarse a carón da estrada C-552.

6 de maio de 2015 | 15:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.