A Xunta resalta a excelencia e a calidade das prazas de abastos galegas no Congreso da Unión Mundial de Mercados
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, resaltou esta mañá no Congreso da Unión Mundial de Mercados, que se celebra esta semana en Budapest (Hungría), a excelencia e a calidade das prazas de abastos galegas, destacando na súa intervención a aposta pola potenciación dos mercados que está a realizar a Xunta, en colaboración cos concellos e os comerciantes.
Vázquez Abeal participou nunha mesa redonda sobre promoción dos mercados retallistas xunto con representantes institucionais de Barcelona, Francia, Reino Unido, Polonia, China e Hungría, na que destacou as distintas accións que se están a desenvolver para consolidar os mercados como líderes na venda de produtos frescos e de calidade, situándoos á vangarda sen esquecer a tradición.
O congreso da World Union of Wholesale Markets coincide coa celebración da campaña internacional Quere o teu mercado (Love Yor Local Market), que esta organización promove a nivel internacional. A Xunta impulsa a participación por primeira vez de Galicia nesta iniciativa, á que este ano se suman mercados de 16 países de Europa, América e Asia.
En colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de Comercio póñense en marcha diferentes actividades lúdicas coas que se busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos, e que culminarán o vindeiro sábado 30 de maio coa celebración do Día do Mercado.











