A Xunta pon en servizo a nova ponte de Paradai en Lugo

Plan Paradai
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, porá mañá en servizo un novo vial que comunica os barrios lucenses das Gándaras e Paradai. A infraestrutura, que requiriu dun investimento superior aos 3,5 M€ inclúe unha nova ponte sobre o ferrocarril (Ponte Paradai), que facilitará a mobilidade na zona norte da cidade amurallada.
A obra enmárcase no Plan Paradai, que engloba un conxunto de actuacións levadas a cabo para urbanizar os accesos ao barrio das Gándaras, contribuíndo así á súa integración co resto da cidade e á dinamización da zona norte da cidade de Lugo.
A actuación consistiu na execución dun vial de 350 m de lonxitude que conecta a Avenida Infanta Elena coa rúa Serra de Meira, habilitando unha nova comunicación directa que soluciona os problemas de permeabilidade orixinados pola barreira física que supón a vía da liña de ferrocarril Palencia – A Coruña e pola reducida capacidade da vella ponte e da rúa de Paradai de Abaixo, que contaba ademais cunha reducida visibilidade.
O vial contribuirá, ademais, a reducir o tráfico da ponte sobre o ferrocarril da Avenida Carlos Azcárraga (N-640), o que permitirá mellorar a circulación nas interseccións da contorna da estación de tren das rúas Montero Ríos, Miguel de Cervantes e da Praza Condes de Fontao.
Todo o trazado conta cunha sección con tres carrís de circulación (un de baixada cara As Gándaras e dous en sentido ascendente cara a avenida Infanta Elena), ademais de beirarrúas nas dúas marxes; deste xeito, a nova infraestrutura non só facilita a circulación dos vehículos senón que tamén garante a mobilidade e a seguridade dos peóns. Para minimizar as afeccións, en boa parte do trazado executáronse muros de contención nas marxes.
Para salvar a plataforma ferroviaria executouse un novo viaduto no lugar no que se situaba a antiga ponte de Paradai que, debido ás súas reducidas dimensións, non permitía o cruzamento de dous vehículos. A nova ponte conta cun taboleiro con ancho variable entre 18,9 e 34,8 m que permite aloxar os tres carrís de circulación, as beirarrúas e os correspondentes sistemas de contención.
A intersección da nova estrada resolveuse mediante a execución de dúas glorietas; a primeira na confluencia coa avenida Infanta Elena e coas rúas Alta e Río Sil; e a segunda entre as rúas Serra de Meira e Calzada das Gándaras.
Para complementar a infraestrutura viaria, colocáronse novas instalacións de saneamento, electricidade e comunicacións.
A obra que mañá se pon en servizo foi executada no marco dun convenio asinado entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, polo que o concello se comprometeu a asumir a conservación e mantemento da nova infraestrutura unha vez se finalizasen as obras, financiadas pola Consellería de Medio Ambiente do goberno autonómico. Polo que está consellería entregará nos vindeiros días a infraestrutura ao goberno municipal.
A nova ponte de Paradai representa unha infraestrutura estratéxica e prioritaria para esta cidade, xa que permitirá reordenar e dinamizar os tráficos da zona norte de Lugo; suporá unha mellora cualitativa na conexión entre o barrio das Gándaras e a cidade; e fará máis doada a vida dos veciños desta zona, que na actualidade sofren o efecto barreira provocado pola vía do ferrocarril; ademais de redundar no incremento da seguridade para todos os cidadáns que residen no barrio.
Segunda fase das obras de mellora da rúa Serra de Meira
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a traballar na redacción do proxecto de mellora da Rúa Serra de Meira, coñecido coma segunda fase das obras Ponte Paradai – Serra de Meira.
O proxecto define a reurbanización deste vial nunha lonxitude aproximada de 180 m, dende a nova glorieta executada na rúa Serra de Meira coas obras que mañá se poñen en servizo ata a rotonda existente na avenida de Carlos Azcárraga (N-640). Para elo, contempla tanto a renovación dos servizos existentes (abastecemento, saneamento, redes eléctrica e de telefonía, alumeado, etc.) coma a ampliación da plataforma e a rehabilitación do firme, incorporando novas beirarrúas e zonas de aparcadoiro.











