publicidade hoxe

A Xunta lamenta a morte da muller acoitelada polo seu marido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Europa Press

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou a morte da muller que foi acoitelada na mañá deste venres polo seu marido no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde estaba ingresada dende principios de abril, e apelou á “prudencia” mentres se investiga o acontecido e a “non baixar a garda”.

Segundo informaron fontes da investigación, os feitos sucederon sobre as 7,00 horas deste venres cando o home entrou no cuarto e supostamente acoitelouna, tras o que a muller faleceu. Posteriormente, en presunto agresor autolesionouse, debido ao que foi intervido cirurxicamente no centro hospitalario.

O pasado 3 de abril o home denunciara en Verín (Ourense) que entraran no seu domicilio e feriran a súa muller, debido ao que tivo que ser hospitalizada no CHUO, onde permanecía debido ás feridas sufridas.

Preguntado ao respecto en A Estrada, a onde acudiu á reunión da Comisión Galega de Protección Civil, Rueda lamentou uns “feitos tremendos” e, tras sinalar que acababa de falar co delegado do Goberno, Santiago Villanueva, pediu “prudencia” mentres se aclara o sucedido.

“Se se confirma que é violencia de xénero, é un problema que temos aí. Moitas veces non nos decatamos ata que suceden feitos deste tipo tan lamentables, o que hai que facer é non baixar a garda”, advertiu.

A liña seguido, subliñou que “por desgracia si” hai violencia machista e “ás veces” maniféstase “en circunstancias tan horribles” como as de Ourense, se é que se confirmase a violencia de xénero”. “Imos a ver que di a Delegación, que é a que está a dirixir as investigacións e comprobando que pasou exactamente”, resolveu.

8 de maio de 2015 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.