publicidade hoxe

A Xunta concede unha subvención ao Concello de Ponte Caldelas para construír unha pista de pádel en Chan da Barcia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas recibiu a notificación de Vicepresidencia da Xunta pola que se lle concede unha subvención destinada a mellora de equipamentos, para a construción dunha pista de pádel ao aire libre nuns terreos municipais existentes entre o pavillón e a pista de tenis ao aire libre o que permitiría acondicionar este espazo, agora en terra, e completar a oferta municipal en materia de infraestruturas deportivas existentes en Chan da Barcia.

A pista de pádel ao aire libre, que conta cun orzamento duns 49.000 euros e que se construiría na área deportiva de Chan da Barcia, terá un uso gratuíto para os veciños do municipio, tal e como ocorre nestes momentos coa de tenis. Ademais aproveitarase para arrombar ese anaco de terreo cun formigón raiado, que mellorará a imaxe de toda a zona.

A subvención concedida pola Xunta de 33.054,49 euros financia o 80% do investimento e o Concello de Ponte Caldelas só terá que asumir o 20% do custo total, ademais do IVE. O alcalde xa anunciara que a obra só se executaría se se concedía a subvención tal e como sucedeu, porque así a cantidade que terá que achegar o concello é perfectamente asumible (menos de 17.000 euros).

Segundo o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, esta actuación supón unha oportunidade de completar o complexo deportivo existente en Chan da Barcia, o cal xa conta con campo de fútbol de herba sintética, pavillón deportivo municipal completamente renovado e pista de tenis recentemente acondicionada, ademais dunha pista multideportiva e un parque biosaludable situada na zona verde anexa ao río Verdugo, xunto á pasarela de madeira.

4 de maio de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.