A Xunta aproba o decreto de expropiacións para a construción da variante de Aradas en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o decreto polo que se publica e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da variante de Aradas en Santiago de Compostela. Para a execución desta nova vía, que conectará o polígono industrial do Tambre coas estradas CP-0701 e CP-7804, será preciso ocupar un total de 125 predios, que implican un importe de 550.000 euros. O orzamento total da infraestrutura é de 6,9 millóns de euros.

Esta infraestrutura, a variante de Aradas, terá unha lonxitude aproximada de 1,6 quilómetros, comeza cunha rotonda no cruzamento das estradas CP-0701 e CP-7804, segue na dirección Oeste-Este, salva o río Sarela a alcanza o polígono do Tambre á altura da intersección das vías Marconi e Nobell, onde se localiza unha segunda rotonda.

A vía, que funcionará como variante polo norte de Santiago, canalizará os tráficos que procedentes de Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Carballo e Trazo, se dirixan ao Polígono do Tambre ou á rede de estradas situada ao leste de Santiago, que actualmente teñen que circular polo núcleo urbano de Santiago.

O proxecto enmárcase no programa de actuacións en medios urbanos do Plan Move da Xunta de Galicia, que recolle as distintas obras necesarias para resolver os problemas existentes no acceso ás grandes cidades e completar e mellorar a conectividade das redes viarias das áreas metropolitanas. A citada actuación incide na calidade de vida dos 185.000 habitantes de Santiago, Val do Dubra, Trazo, Santa Comba, e Carballo, ao mellorar a accesibilidade e colaborar a desconxestionar a rede situada ao nordeste da capital, diminuíndo así mesmo os tempos de percorrido.

A Xunta recolle na súa planificación un investimento de preto de 6,9 millóns de euros, incluído o importe das expropiacións, para a futura execución da vía, que comunicará o polígono do Tambre coas estradas Santiago- Santa Comba e Santiago- Trazo.

7 de maio de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.