A Xunta aproba a modificación puntual do PXOM de Santiago para o novo deseño do núcleo de Rocha Vella

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de aprobar a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago pola que se dá luz verde ao novo deseño do núcleo de Rocha Vella.

A Modificación Puntual (MP) do PXOM proposta polo Concello de Santiago de Compostela ten por obxecto reaxustar a delimitación do ámbito de solo urbano non consolidado na zona da Rocha, de 3.728 m2 para incluír o equipamento sociocultural público colindante.

Esta nova proposta permitirá a ampliación e mellora da zona verde pública existente, coa  incorporación de 276 m2 de zona verde vinculada ao equipamento sociocultural municipal existente. 

A modificación tamén posibilitará a posta en valor de parte da Muralla e da Porta da Rocha Vella; a ampliación da Rúa Churruchao e a creación de 20 prazas de aparcadoiro públicas. 

Cómpre precisar que a superficie do polígono que figura no Plan Xeral é de 3.728 m2 e reaxústase ata os 4.004,45 m2.

 Estes cambios no planeamento teñen como propósito axustar a delimitación do polígono e o equipamento para facelas coincidir co solo efectivamente ocupado polo equipamento e definir a ordenación pormenorizada do polígono, tendo en conta a parte da finca ocupada polo Concello para a ampliación da rúa Churruchao. 

Os obxectivos da modificación constitúen razóns de interese público conforme ao esixido no artigo 94.1 da LOUG; e a ordenación proposta adecúase aos criterios expostos nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

19 de maio de 2015 | 12:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.