A Xunta aposta por reforzar os mecanismos de loita contra a contaminación mariña accidental
A xornada “A contaminación marítima por sustancias químicas e a súa integración nos plans de continxencia en Galicia” celebrouse esta mañá na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo ao amparo do proxecto ARCOPOL Platform, unha iniciativa europea coordinada pola Fundación CETMAR e na que tamén participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR), os Gardacostas de Galicia e a Universidade de Vigo.
A inauguración do acto correu a cargo do secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, quen incidiu na importancia da “transferencia de coñecemento entre os países implicados” á hora de “planificar e coordinar actuacións e medios de loita contra a contaminación mariña accidental”. Maneiro afirmou que o obxectivo común é “conseguir a máxima protección para as persoas, o medio ambiente e os bens” que poidan resultar afectados por este tipo de continxencias.
Recordou que Galicia, con 1.200 quilómetros de costa e un elevado tráfico marítimo, “ten máis posibilidades que calquera outra rexión” de padecer episodios de contaminación, pero asegurou que hoxe “estamos mellor preparados” para adoptar “accións temperás” e reducir os seus efectos.
“En aras a conservar e protexer este mar que nos dá vida non podo menos que aplaudir xornadas como a que hoxe se inaugura”, dixo Juan Maneiro respecto á iniciativa dos socios de ARCOPOL Platform, un proxecto no que están implicadas dezaseis entidades de dez rexións pertencentes aos cinco países do Arco Atlántico (España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda).
Sobre ARCOPOL, financiado polo Programa Transnacional do Espazo Atlántico, falaron a continuación a coordinadora e a técnico do proxecto na Fundación CETMAR. Ambas expuxeron os principais resultados desta iniciativa e das que lle precederon -proxectos ARCOPOL e ARCOPOLplus- cara a mellorar os plans de continxencia e a procurar mellores ferramentas de apoio á toma de decisións neste tipo de accidentes, entre outros logros. A xornada incluíu ademais un relatorio sobre os sistemas nacionais e galego de resposta aos episodios de contaminación mariña a cargo de persoal do INTECMAR.











