A Xunta anima aos xóvenes a emprender para renovar o tecido empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Rueda no acto de Fin de Grao

Rueda no acto de Fin de Grao

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de Fin de Grao da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, onde animou os recén graduado/as a presentar proxectos emprendedores para renovar o tecido empresarial galego e crecer economicamente.

Rueda, que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asegurou que o Goberno galego ten moi claro que a saída da crise económica só pode vir das mans de persoas emprendedoras con proxectos novos e rompedores e que por iso desde a Administración xa se teñen tomado medidas para apoialos.

Desde o ano 2009 reorientouse o IGAPE cara a asistencia a proxectos emprendedores, facilitando a través da súa páxina web manuais e recursos para axudar a elaborar plans de negocio e aproveitar as oportunidades en tempos de crise.

Sen embargo, o verdadeiro salto cualitativo veu en 2013 coa aprobación da Lei de Emprendemento. Hoxe en todas as cidades galegas hai unha Unidade Galicia Emprende da Xunta, dedicada a prestar asistencia para o inicio de trámites, a elaboración de plans de empresa ou a avaliación de proxectos e posibilidades de exportación.

Ademais, reduciuse progresivamente a necesidade de licenza para os novos negocios e reorientáronse os recursos financeiros. Hoxe o IGAPE ten por primeira vez liñas de axuda específicas para a creación de novas empresas e precisamente son un 5 por cento superiores na provincia de Ourense, que se considera zona prioritaria.

29 de maio de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.