A Xunta achega ás empresas de Vigo a mellora das condicións dos préstamos Jeremie

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O director Igape, Javier Aguilera, participou hoxe na xornada técnica desenvolvida na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo, co obxectivo de achegar ás empresas da comarca as novas condicións melloradas dos préstamos Jeremie, con xuros fixos que poden quedar por baixo do euríbor +0,4% e prazos de amortización de ata 11 anos.

De ata 1,8 millóns de euros, os préstamos Jeremie poden financiar ata o 70% dos proxectos de novo investimento, ampliación de instalacións existentes ou diversificación da produción para ofrecer produtos adicionais. De acordo cos cambios das bases reguladoras, o Igape flexibiliza ademais os requisitos para financiar proxectos impulsados tamén por autónomos, sociedades civís ou comunidades de bens.

Javier Aguilera salientou que, coas novas condicións en vigor, os préstamos Jeremie ofrecen condicións máis favorables para apoiar novos investimentos e constitúen un instrumento fundamental para consolidar o crecemento da actividade empresarial, no marco da Axenda da competitividade Galicia Industria 4.0.

Os préstamos concedidos ao abeiro das bases Jeremie, fornecidos con fondos europeos, poden estar comprendidos entre 49.000 euros ata 1,8 millóns de euros (o importe estaba antes entre 70.000 euros e un millón).

Os xuros dos préstamos, fixos, determinaranse no momento da concesión para toda a vida da operación, tomando como referencia o prezo do euríbor a un ano e sumando un xuro adicional que será só do 0,1% para os préstamos de ata 840.000 euros ou para os tramos de préstamos garantidos mediante aval bancario ou dunha sociedade de garantía recíproca. Para préstamos de superior contía, o xuro final efectivo establécese en dous tramos: euríbor máis 0,2 para as contías comprendidas entre os 840.000 e 1.400.000 euros, e un diferencial do 0,5% para os tramos do préstamo comprendido entre 1,4 e 1,8 millóns de euros. O xuro final resultante será a media ponderada en función do importe concedido.

O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta renovada liña de préstamos directos estará aberto ata o próximo 30 de setembro. As melloras que veñen de publicarse poderán beneficiar tamén ás empresas beneficiarias de préstamos Jeremie concedidos con anterioridade á modificación das bases, xa que poderán presentar unha solicitude de modificación das operacións para beneficiarse das novas condicións.

Cos préstamos Jeremie-Igape poden financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. De acordo coas bases modificadas, tamén pode financiarse o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario.

12 de maio de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.