A Xunta achega ás empresas coruñesas as condicións dos préstamos Jeremie para impulsar os investimentos
O director do Igape, Javier Aguilera, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron hoxe na xornada técnica desenvolvida na sede da CEC co obxectivo de achegar ás empresas coruñesas as novas condicións melloradas dos préstamos Jeremie, publicadas onte no DOG.
Para impulsar os investimentos das pemes, dos emprendedores e dos autónomos, incrementando o número de proxectos apoiables, o Igape vén de ampliar os prazos de amortización ata os 11 anos ao tempo que rebaixa os tipos de xuro aplicables, sempre de carácter fixo, que se poden situar por baixo do 0,3%. De acordo cos cambios das bases reguladoras, o Igape flexibiliza ademais os requisitos para financiar proxectos impulsados tamén por autónomos, sociedades civís ou comunidades de bens.
Javier Aguilera salientou que, coas novas condicións en vigor, os préstamos Jeremie-Igape ofrecen condicións máis favorables para apoiar novos investimentos e constitúen un instrumento fundamental para consolidar o crecemento da actividade empresarial, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.
En diante, os préstamos concedidos ao abeiro das bases Jeremie-Igape, fornecidos con fondos europeos, poderán estar comprendidos entre 49.000 euros ata 1,8 millóns de euros (o importe estaba antes entre 70.000 euros e un millón) e poden financiar ata o 70% dos proxectos, que poden consistir en novos investimentos, ampliación de instalacións existentes ou diversificación da produción para ofrecer novos produtos.
Os xuros dos préstamos, fixos, determinaranse no momento da concesión para toda a vida do préstamo, tomando como referencia o prezo do euríbor a un ano e sumando un xuro adicional que será só do 0,1% para os préstamos de ata 840.000 euros ou para os tramos de préstamos garantidos mediante aval bancario ou dunha sociedade de garantía recíproca. Para préstamos de superior contía, o xuro final efectivo establécese en dous tramos: euríbor máis 0,2 para as contías comprendidas entre os 840.000 e 1.400.000 euros, e un diferencial do 0,5% para os tramos do préstamo comprendido entre 1,4 e 1,8 millóns de euros. O xuro final resultante será a media ponderada en función do importe concedido.
O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta liña de préstamos directos estará aberto ata o próximo 30 de setembro. As melloras que veñen de publicarse poderán beneficiar tamén ás empresas beneficiarias de préstamos Igape-Jeremie concedidos con anterioridade, que poderán presentar unha solicitude de modificación das operacións para beneficiarse das novas condicións.
Os préstamos Jeremie-Igape, fornecidos con fondos Feder, poden financiar tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. De acordo coas bases modificadas, tamén pode financiarse o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario.











