A XIX Festa da Troita de Oroso incluirá a primeira Feira da Cervexa Artesá e sesións de arte na rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOroso
A-
A+

O Concello de Oroso ultima os detalles da XIX Festa da Troita, que terá lugar do 8 ao 10 de maio. “Unha edición que inclúe máis música ca nunca, coas mellores orquestras de Galicia e con máis pasacalles grazas aos acordos de colaboración que asinamos coas distintas asociacións culturais de Oroso: Lembranzas do Tambre, Buxos Verdes, Néboas no Cumio e Amigos do Acordeón”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Mirás atribúe o éxito da festa a que “non deixamos de reinventarnos para atraer novos visitantes ao tempo que tratamos de sorprender aos seguidores máis fieis con algunhas novidades”. Así, o éxito acadado o ano pasado polo Mercado Medieval de Artesanía e Oficios levou aos organizadores a ir un paso máis aló e celebrar este ano a primeira Feira da Cervexa Artesá de Sigüeiro, que presentará máis de trinta variedades de cervexa e que incluirá un sorteo de lotes de cervexa artesá. A día de hoxe xa confirmaron a súa asistencia sete fabricantes de cervexa, que darán a coñecer as cervexas artesás que se están elaborando nestes momentos en Galicia. Así mesmo, haberá unha carpa na cal terá lugar un curso de elaboración de cervexa.

Pola súa banda, o Mercado Medieval de Artesanía e Oficios contará este ano cuns 25 postos, entre os que se inclúen casetas de artesanía e de alimentación artesanal. Outra novidade será a organización dunha ludoteca infantil, que se une ao carrusel de animais mitolóxicos que tanto éxito tivo o ano pasado. Tamén haberá distintos espectáculos ao público durante a fin de semana.

Arte na rúa

A outra gran novidade da XIX Festa da Troita é a recuperación das sesións de Arte na Rúa, como actividade paralela á exposición de arte da Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa que reunirá a unha decena de artistas locais e portugueses. “Ademais de amosar as súas creacións na sala de exposicións do centro cultural de Sigüeiro, todos os que se acheguen esta fin de semana por Sigüeiro poderán ver como é o proceso de creación destes destacados artistas, que estarán na praza Isaac Díaz Pardo amosando as súas técnicas e creacións”, explica Antonio Leira, coordinador da Festa da Troita.

A inauguración da exposición terá lugar mañá venres 8 de maio, ás 20.30 horas, no centro cultural de Sigüeiro. Os artistas, que participan cada un cunha selección de tres obras, son: Carmen Taboada Perianes (Santiago de Compostela), Víctor Costa (Coimbra), Conceiçâo Ruivo (Figueira da Foz), Constantino Cuesta Ibáñez (Biscaia residente en Sigüeiro), Cosme (Coimbra), Pedro Charters D´Azevedo (Lisboa), María Esther Roca Fandiño, Ofelia Ángeles de Bartolomé Battista (residente en Sigüeiro), Gustavo Martins (Castelo Branco), Manolo Losada (Sigüeiro) e Guadalupe García Ferreiro (Asturias, leva vivindo 22 anos en Oroso).

Degustación de troitas

Ademais, este ano porase en marcha un tren turístico que percorrerá Sigüeiro durante o sábado 9 de maio (de 11:30 a 13:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas) e o domingo 10 de maio (de 11:00 a 20:00 horas).

Así mesmo, Leira Piñeiro tamén destaca que a degustación de troitas que terá lugar o domingo 10 de maio volverá a repetir o récord acadado na edición de 2014, pois conta coa participación de 38 bares e restaurantes que ofrecerán troitas con cada consumición. Antonio Leira destaca e agradece “a colaboración destes establecementos que participan na degustación de troitas e que fan un investimento importante para poder agasallar aos seus clientes”. Unha degustación de troitas que se celebrará de xeito paralelo á organizada polo Concello de Oroso na Alameda de Góis, que repartirá 400 quilos de troita ás 12:30 horas e que estará amenizada pola Charanga NBA.

Programa

A XIX Festa da Troita manterá tamén os seus sinais de identidade como o Festival Oroso en Vivo, que traerá a Oroso ás mellores orquestras do momento: París de Noia e Fania (venres 8 de maio), Panorama e Esencia (sábado 9 de maio) e Combo Dominicano e Bahía Blanca (o domingo 10 de maio). Tamén se mantén no programa unha das grandes sorpresas das últimas edicións: a exhibición de baile, só que este ano cambia o hip hop e o break-dance polo country e o baile moderno. A cita é o sábado 9 de maio, ás 19:00 horas na praza de Isaac Díaz Pardo. Canda eles actuarán tamén Lembranzas do Tambre e Néboas no cumio.

En canto á parte deportiva da festa, o sábado terá lugar o tradicional concurso de pesca, que mantén os cambios realizados en 2012, polo que se disputará baixo a modalidade de pesca sen morte e de acordo coas normas da Federación Galega de Pesca. Por último, o Concello de Oroso non se esquece da poboación infantil que, ademais de poder tomar parte o domingo no Campionato de Pesca Infantil no río Carboeiro, tamén poderá participar nuns xogos populares o domingo, de 17:30 a 19.30 horas, na praza Isaac Díaz Pardo.

O pregón deste ano será ofrecido por Fran Rey e Pedro Brandariz, o “gordo” e o “calvo” do Luar, o domingo 10 de maio ás 13:30 horas, coincidindo coa entrega de premios do campionato de pesca.

7 de maio de 2015 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.