A Xerencia de Urbanismo aproba o proxecto de urbanización de Megasa con todos os informes técnicos e xurídicos a favor
O consello da Xerencia de Urbanismo aprobou hoxe definitivamente o proxecto de urbanización na avenida das Carolinas promovido por Metalgráfica Gallega, SA (Megasa). A proposta conta con todos os informes técnicos e xurídicos favorables, incluídos os da dirección xeral de Estradas do Ministerio de Fomento e do ente Augas de Galicia, dependente da Xunta. As alegacións da asociación de comerciantes Zona Aberta, que si entraron en prazo (así o indica o mataselos de Correos, do 5 de marzo) foron rexeitadas á vista dos dictames técnicos. Malia a tardanza no comezo da sesión, os acordos do consello de Xerencia son válidos, á vista dos seus propios estatutos.
A primeira convocatoria era para as 10,00 horas e a segunda, para as 10,30. Como queira que entonces o alcalde, que preside a sesión, non estaba presente, os vocais da oposición decidiron marcharse. Ás 10:40 incorporouse o rexedor e como entonces había outros dous vocais –os concelleiros Ana Granja e “Cholo” Dorgambide- a sesión si puido celebrarse por contar con alomenos tres membros na segunda convocatoria. Foi tamén o regulamento o que impediu que a presidenta da Zona Aberta puidera asistir á reunión, como solicitou.
Precisamente a aclarar o ocorrido coas alegacións dos comerciantes dedicou a xerencia os seus primeiros minutos. Porque, en efecto, o escrito de Zona Aberta si entrara en prazo, como o demostra o mataselos de Correos; o que ocorreu é que o selo de rexistro do Concello era posterior e de aí a confusión. Con todo, por unha parte, a secretaria fará un novo informe para corrixir este erro, e, por outra, malia a ser consideras “extemporáneas” nun primeiro momento, as alegacións xa foran informadas tanto polo técnico redactor do proxecto coma polo arquitecto do Concello e a secretaria.
INFORMES CONCLUÍNTES
A este respecto, os informes son concluíntes con relación aos argumentos de Zona Aberta: no expediente si consta informe favorable de Augas de Galicia (7 de outubro de 2014), a protección do Castro de Montiño ou de Marxión foi retirada en 1999 do catálogo de bens a conservar, e o proxecto de urbanización non precisa de informe de Intervención, como sostiñan os representantes dos comerciantes, posto que daquel non se deriva obriga económica –non sería o Concello, senón unha entidade urbanística de conservación quen se encargue do mantemento unha vez rematada a rúa- e polo tanto tal dictame non é preceptivo (artigo 10 da Louga –Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural Galicia.).
Do mesmo xeito, e malia o que se dixo dende distintas voces, para aprobar o proxecto de urbanización non é preciso un dictame da comisión informativa posto que non se trata dun asunto de competencia plenaria, senón da Alcaldía, que, aínda así, somete á consideración do consello de Xerencia, no que participan todos os grupos políticos.











