A única feira internacional dos viños e licores de Galicia celébrase o 25 e 26 de maio

Presentación da feira Vinis Terrrae
Pequenas e medianas adegas adscritas ás denominacións de orixe (D.O.) da comunidade autónoma: Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, e Aguardentes e licores Tradicionais de Galicia exporán as calidades dos seus caldos aos milleiros de visitantes que durante os vindeiros 25 e 26 de maio se pasarán por Vinis Terrae, en Expourense. Con esta, o Salón de Viños e Licores Galegos de Calidade cumpre a súa sexta edición, apostando firmemente pola profesionalización da feira e polo seu carácter netamente exportador.
Nesta edición contará coa presenza de preto dun cento de importadores e compradores de 19 países que terán a oportunidade de coñecer as últimas añadas das 80 bodegas adscritas ás cinco D.O. galegas. Esta sexta edición supera en máis dun 30% os datos de participación das anteriores, tanto no referente a bodegas como a compradores internacionais.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación deste evento e incidiu hoxe na importancia do sector vinícola galego de calidade, que xerou o ano pasado máis de 150 millóns de euros e chegou a exportar 35 millóns de litros. Na actualidade, a nosa comunidade conta con máis de 16.300 viticultores e 450 adegas adscritas ás D.O.
Rogelio Martínez resaltou a importancia socioeconómica que ten o sector vitivinícola na provincia “o viño e un gran embaixador das terras da provincia de Ourense. Non en balde, acolle 4 das 5 denominacións de orixe galegas: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra”.
O máximo representante da Xunta en Ourense salientou que rutas enolóxicas galegas correspondentes ás áreas xeográficas recoñecidas con Denominación de Orixe terán o seu espazo neste salón que “ofrecerá completa información para o coñecemento destas rutas que, a través do viño como fío condutor, servirán para promocionar a nosa gastronomía, patrimonio e natureza ante os asistentes ao certame, dinamizando así o noso turismo”.
A Xunta apoia este certame, plataforma de internacionalización dirixida sobre todo ás Pemes galegas ao facilitarlles o acceso a mercados aos que, doutro xeito, lles resultaría moito máis difícil chegar. “Dende a Consellería de Medio Rural e do Mar puxemos en marcha unha acción que facilitou a presenza neste salón internacional de 14 adegas e tamén estarán presentes dun xeito destacado as adegas adscritas ao selo de Galicia Calidade. Por outro lado, dende o IGAPE colabórase no programa de actividades dirixidas aos profesionais”
Vinis Terrae pretende facilitar a comunicación entre os produtores galegos e os comercializadores do resto do España e tamén internacionais co fin de que acaden acordos comerciais que lles permitan situar os seus viños e licores en distintas áreas dos mercados co obxectivo de ampliar a presenza dos viños galegos nos 20 países dos importadores que participan nesta edición: os Estados Unidos, Alemaña, Australia, Bélxica, Brasil, Canadá, Dinamarca, Holanda, Irlanda, México, Panamá, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suecia, Suiza e España. Cada adega ten garantidas un mínimo de 20 citas de negocio con importadores e compradores.











