A Tradescola ofrecerá o concerto “Sons de maio” na praza de San Marcos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O vindeiro xoves 7 de maio, aproveitando a celebración popular que festexa o final do inverno e que lle da a benvida á primavera, a Tradescola, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, realizará unha nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional.

Na praza de San Marcos de Lugo, a partir das 20.00 horas, a Tradescola ofrecerá o concerto “Sons de maio” no que se poderá gozar con numeroso repertorio tradicional interpretado por alumn@s e mestres da Tradescola e no que non faltarán gaitas, requintas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareir@s e por suposto bailador@s.

Esta é unha nova actividade que se suma ás levadas a cabo durante o curso, no que a maiores das aulas impartidas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, técnica vocal, percusión, requinta, e linguaxe musical ás que asisten máis de 250 alumn@s, realizáronse tamén obradoiros de bailes e xogos para o público xeral, concerto-obradoiro de Nadal, concertos didácticos de música Tradicional para escolares de distintas comarcas da provincia, a cuarta edición do curso de construción de palletas e pallóns, o curso de regraxe de zanfonas, o obradoiro de instrumentos vexetais… etc.

A Asociación de Gaiteiros Galegos éstá a obter un balance moi positivo do sétimo ano de vida da Tradescola, un ano no que ademais das aulas impartidas, organizáronse numerosas actividades de divulgación da nosa cultura tradicional. Dende os inicios da Tradescola, fíxose posible que xa máis de 4500 persoas puideran asistir a conferencias, aulas, cursos, exposicións, concertos, obradoiros, actuacións, certames e monográficos realizados por esta escola na cidade de Lugo e nas distintas comarcas da provincia.

5 de maio de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.