A tarxeta Carballo PortaAberta estará dispoñible tamén para os usuarios das bibliotecas
O Concello informa de que vén de poñer en marcha a nova tarxeta Carballo PortaAberta, que cambia non só en canto ao deseño, senón tamén no que se refire á súa aplicación. Así, a tarxeta, que até o de agora era utilizada exclusivamente nas instalacións deportivas, tamén serve agora para as bibliotecas municipais. Deste xeito, os usuarios e usuarias das piscinas ou salas fitness só teñen que facilitar os seus datos a primeira vez que aluguen un libro e a partir dese momento xa estarán dados de alta no servizo da biblioteca. Ademais, as persoas que non sexan usuarias das instalacións deportivas teñen a posibilidade de facer a súa tarxeta nas oficinas de Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión. Cada titular pode escoller se quere ser usuario só da biblioteca, só das instalacións deportivas ou dos dous servizos sen ningún problema. A tarxeta Carballo Porta Aberta comezou a utilizarse no ano 2004, grazas a un convenio firmado entre o Concello de Carballo e Caixa Galicia, co obxectivo de axilizar o acceso ás instalacións deportivas, o que se consegue mediante un mecanismo que funciona por aproximación. Ademais, este sistema de control de accesos permite saber cantas persoas usan o servizo, que días e a que horas, o que resulta moi útil á hora de organizar o funcionamento das instalacións.
Os novos abonados das piscinas, as salas fitness e as bibliotecas xa están a recibir a nova tarxeta, cuxo deseño está inspirado na colorida fachada da piscina Vila de Noia da capital municipal. Na imaxe podemos ver ás nadadoras carballesas Clarisa Alonso e Valeria Gómez coa nova tarxeta diante das oficinas Carballo Deporte. De feito, elas foron as primeiras en poder utilizar o novo sistema, xa que son dúas deportistas carballesas que acoden a diario ás instalacións deportivas. Clarisa Alonso é unha nadadora do Club Fogar que vén de acadar a medalla de prata nos 50 metros costas no Campionato de España Open Master de Inverno; e Valeria Gómez é unha deportista do club Sysca que a pasada tempada foi campioa de España na categoría xuvenil, campioa absoluta na proba de bandeiras e primeira galega en todas as categorías, ademais de acadar a quinta praza na proba de bandeiras no Campionato do Mundo. Precisamente, Valeria Gómez estivo a pasada fin de semana en Francia, onde participou, xunto a Álex Regueira e Sandro Gómez, no Festival Internacional d’Hossegor, que supón a 1ª rolda do Euro Beach Flags e Oceanman Tour.











