A Sociedade Ximnástica non se amedrentará en Castelló
Mañá venres partirá o equipo masculino da Sociedade Ximnástica, rumbo a Castelló para afrontar a segunda xornada da División de Honra, que comeza o sábado ás cinco da tarde. Haberá ausencias con respecto aos que competiron en Vigo, como Martín Brea, Víctor García ou Alfonso Pérez; pola contra contaremos coa presenza dun atleta experimentado como é Sergio García e Fernando Rial, que debutará en División de Honra.
A pesar destas ausencias, a formación pontevedresa presentarase nas pistas do complexo deportivo Gaeta Huguet con gran optimismo, o gran rendemento xeral que se viu en Vigo, pódese referendar a tarde do sábado cunha segunda posición no encontro, xa que as Praias de Castelló, actual campión da liga, é inalcanzable para o equipo da franxa azul.
Pola contra o Unicaja de Xaén é un equipo máis alcanzable para o potencial do conxunto pontevedrés. O obxectivo pasará por tentar a segunda praza do encontro, co que a Ximnástica podería acumular 5 puntos, para afrontar a última xornada, se finalmente se ve abocada a ter que pelexar pola permanencia, con sobradas garantías para manter a categoría.
Haberá que estar moi atentos ao Sabadell que aínda que a priori parece o equipo máis frouxo dos catro, ten atletas de calidade suficiente como para pór ao resto en apretos.
Unha das 20 probas a seguir será o lanzamento de disco, o sistema de competición fará coincidir no círculo de lanzamento aos dous grandes discóbolos nacionais, Frank Casañas e Mario Pestano, sen dúbida un gran atractivo para que o público se achegue ás pistas castellonencas. Víctor Gallego, o principal representante pontevedrés nesta proba, terá que loitar por ser terceiro, aínda que, quen sabe.
Máis de 30 atletas serán os que desprace a Sociedade Ximnástica a terras valencianas, ademais de Víctor estarán, Mario Alvarez, Juan Barbosa, Ivan Blanco, Manuel Castellanos, Dario Costas, Ivan Docampo, Santiago Ferrer, David Ferrer, Alex Florez, Eduardo Gallardo, Sergio Garcia, Ricardo Gaya, Alberto Guerrero, Emilio Martin, David Martinez, Nano Martinez, Manuel Molinos, Enric Obiol, Julian Ortiz, Lysvanys Perez, Fernando Rial, David Rocha, Alberto Salcedo, Gonzalo Sanchez, Ignacio Sarmiento, Alesandre Solla, Ángel Vargas e David Veiga.
O dito a competición iniciarase o sábado ás cinco da tarde para concluír pasadas as oito da tarde, esperando ver á Ximnástica na segunda posición do encontro.











