A Semana do Libro e a Lectura regresa a Carballo para inculcar nos máis cativos o goce de ler e imaxinar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Presentación da Semana do Libro e da Lectura de Carballo

Presentación da Semana do Libro e da Lectura de Carballo

Dez anos leva xa a Semana do Libro e a Lectura sendo un punto de encontro fundamental entre os cativos e cativas do municipio e o goce de ler e imaxinar historias. A cita, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello de Carballo, conta un ano máis co patrocinio da Fundación Luís Calvo Sanz e espérase que arredor de 2.200 nenos e nenas participen nas actividades que terán lugar no Pazo da Cultura entre o luns 11 e o venres 15 de maio. Como xa é habitual, a Semana do Libro e a Lectura conta cun lema, neste caso “Da ciencia á ficción”, que inspirou ao alumnado dos centros de ensino de Carballo para elaborar unha serie de divertidos materiais que conforman unha das mostras máis visitadas da cita, que inclúe tamén unha exposición de libros da Editorial Kalandraka e doutra elaborada con libros cedidos por distintas editoriais. Como cada edición, o peche é un dos momentos máis especiais da semana. Este ano, terá como protagonistas aos centros CRA Ponte da Pedra, con “O coro das emocións”, e ao CEIP Bergantiños, con alumnado de 5º de Primaria presentando varios experimentos científicos. Ademais, e dada a temática do programa, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ofrecerá unha entretida sesión na que introducir aos cativos e cativas no mundo da ciencia titulada “Que traballo tan curioso!”.

Todo, en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, coa finalidade de “espertar nas persoas a necesidade de ler e, sobre todo, o fomento da lectura nos fogares”. O presidente da AS-PG, Xoán Costa, quixo este ano subliñar a presenza dunha novidade no programa, como é o I Certame Escolar de Carballo “A auga que dá pan”. Está dirixido a todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros de ensino de Carballo e está dividido en dúas categorías: creación plástica, para Infantil; e banda deseñada, para Primaria. O obxectivo da cita, ademais de espertar as inquedanzas artísticas dos nenos e nenas, é, en verbas de Costa, o de “por en valor a nosa auga, os nosos ríos e as nosas fontes”, reflexionando sobre “a importancia da auga nas novas vidas”, non só como recurso natural, senón tamén como fonte de alimento e enerxía. Outra das características do certame é que a participación é grupal, ben coa colaboración dunha aula enteira, ben por grupo máis reducidos, cun máximo de tres traballos por grupo. O premio é o mesmo para os gañadores de cada unha das categorías, un lote de libros valorados en 100 euros e unha tablet. Os gañadores, desvelaranse durante a xornada de peche o venres 15 de maio.

Haberá obradoiros lúdicos para aprender sobre ciencia divertida

O resto da Semana do Libro e a Lectura vertébrase, do mesmo xeito que en anos anteriores, en dous tipos de citas. Por un lado, unha serie de obradoiros que teñen lugar no Pazo da Cultura de 9.30 a 14.00 horas e nos que participan nenos e nenas de todos os colexios de Carballo de Educación Infantil e Primaria dentro do seu horario lectivo. As citas ofrecen temáticas moi variadas que van dende a maxia do Mago Richard ou o teatro de Baobab, ata a papiroflexia,a astronomía, a electricidade, obradoiros relacionados coa ciencia, os números ou a robótica e mesmo unha Mini Feira de experimentos científicos. Xa polas tardes, todos os días ás 18.30 horas, as familias poden acudir ao Pazo da Cultura para gozar cos contacontos de Bea Campos e David González ou Raquel Queizás; de novo coa maxia baseada na ciencia e na tecnoloxía do Mago Richard; o coa sesión de “ciencia atrevida” do CSIC, con enxeñosos experimentos. No caso das visitas ás exposicións, os centros de ensino poderán visitalas de 9.30 a 14.00 horas; e de 18.00 a 20.00 horas polas tardes están dispoñibles para o público en xeral.

Tanto a AS-PG como o Concello queren agradecer a colaboración, non so da Fundación Luís Calvo Sanz, senón tamén da Editorial Kalandraka, o Concello de Pontevedra e o CSIC, fundamentais no desenvolvemento de todas as actividades de achegamento á ciencia que terán lugar ao longo de toda a semana. A Concelleira de Educación e Cultura tamén quixo agradecer “a implicación do profesorado e das familias” na cita. O Alcalde, Evencio Ferrero, resalta especialmente a colaboración da Fundación Luís Calvo, que, ao igual que a Semana do Libro e a Lectura, está de aniversario xa que Conservas Calvo cumpre 75 anos. Ferrero espera que os nenos e nenas aproveiten a semana para “achegarse ao coñecemento científico dunha maneira lúdica” e que aprendan “a gozar cos libros”. Luciano Calvo, en representación da Fundación, tamén desexou volver o ano que vén para unha nova cita e que os rapaces e as rapazas reciban con entusiasmo as propostas da cita. Os interesados e interesadas poden descargar o programa completo da cita en pdf nesta memsa nova.

6 de maio de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.