A secretaria xeral da Igualdade visita en Vigo o programa ‘Medrando’

Susan López Abella interesándose polo programa
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe a sede de Cáritas Tui-Vigo para interesarse polo seu programa ‘Medrando’, que foi subvencionado pola convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social para programas destinados a mulleres e recursos para xestantes e lactantes.
A titular de Igualdade da Xunta estivo acompañada do director da entidade, Ángel Dorrego, e dos responsables do programa, que lle explicaron o traballo realizado o ano pasado, no que se atenderon a máis de 150 mulleres a través dos distintos servizos que prestan.
O obxectivo xeral de ‘Medrando’ é lograr a plena integración social dun colectivo moi específico e vulnerable como é o das mulleres en determinadas situacións especiais que xeran desigualdade ou discriminación.
Un dos servizos principais do programa é o de atención, información e acollida, no que se intenta implicar ás usuarias nas resolución dos seus propios problemas, tras valorar conxuntamente a problemática inicial que derivou na precaria situación na que se atopan.
En total 64 mulleres beneficiáronse deste servizo, a través do cal un equipo multidisciplinar formado por unha psicóloga, unha educadora e varias traballadoras sociais deséñanlle a cada usuaria un Programa de Intervención Individualizado.
O perfil predominante, en torno ao 80 por cento dos casos, é de mulleres desempregadas, de entre 25 e 54 anos e nacionalidade española. Ademais, atendéronse a 14 inmigrantes, sendo os países de procedencia predominantes Brasil, Paraguay e Arxentina.
Tamén se prestaron servizos de educación familiar (18 beneficiarias), apoio psicolóxico (11 beneficiarias), asesoría legal e defensa (17 beneficiarias) e orientación laboral (47 beneficiarias). Neste último, co fin de conciliar a vida familiar, laboral e persoal, facilitouse o acceso á gardería de Cáritas para axudar ás mulleres a inserirse no mercado de traballo.











