A Sala de Exposicións do Palacio Municipal acolle a mostra ‘Donas e cabaleiros’ de Ramón Manzano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura, informa da inauguración, ás 20.00 horas de hoxe, da mostra ‘Donas e cabaleiros’ de Ramón Manzano, que se poderá visitar ata o 26 de xullo na Sala de Exposicións do Palacio Municipal da Coruña. Ramón Manzano volve á Sala de Exposicións do Palacio Municipal, onde non expuña desde 1988. E faino cunha mostra na que nos presenta a súa iconografía máis persoal e todo o seu respecto pola pintura.

Falar de Ramón Manzano como pintor é case redundante. É, sobre todo, pintor, e exérceo todo o día. Formado co inesquecible Quintás Goyanes -posiblemente o seu único mestre recoñecido-, ten en consecuencia un oficio esmerado que continuou mellorando ao longo de décadas de exercicio e ao que non renuncia nuns tempos en que desde algunha tendencia non é valorado.

Exquisito na súa forma de pintar, meticuloso ata a extenuación, todo está ao servizo dunha rica e complexa vida interior que se trasluce na mostra. Poucas exposicións son tan persoais e resumen mellor a un artista. Por unha banda tres retratos que exemplifican os numerosos que realizou ao longo da súa carreira. Seleccionou tres retratos femininos, renunciando, por exemplo, ás súas notables obras institucionais, algunha das cales se atopa no primeiro piso do Concello, na Galería de Alcaldes. Son, como toda a súa pintura, retratos honrados, directos, sen máis concesións.

Un segundo capítulo son as catro naturezas mortas, centradas no mundo dos libros. Son magníficos exemplos da súa capacidade e da elegancia compositiva. A riqueza das calidades, os estudos das atmosferas e a sutilidade das luces nos retrotraen á mellor tradición pictórica, mantendo o espírito das naturezas mortas: no momento en que nos tocou vivir, quizais o que mellor reflicta o paso do tempo son os libros, os papeis e outros obxectos que vemos xa antigos

E, finalmente, o groso da exposición, ata chegar ás 24 pezas, son moito máis persoais, máis complexos, quizais máis difíciles para o espectador, pero sen dúbida os que máis nos achegan ao autor, a “a refundación da súa alma”, como nos indica Alberto Cartón no magnífico texto do catálogo.

A mostra poderase visitar todos os días en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.

28 de maio de 2015 | 15:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.