A praza de Amboage acollerá o sábado 9 a gran final do concurso musical “Canta Ferrol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e a concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, presentaron esta mañá a Gran Final da terceira edición do certame “Canta Ferrol” que se desenvolverá o vindeiro sábado día 9 na praza de Amboage. Un total de 28 mozos/as de Ferrol e comarca participarán nesta gran gala final a partir das 18:00 horas, nun evento que contará coas actuacións de María Villalón, gañadora da primeira edición do concurso de televisión “Factor X”; Calum, ex concursante de “La Voz Kids”; e a xove promesa Ricky Furiati. Ademais de facer de xurado, estes artistas interpretarán diferentes temas ao longo da velada.

Rey Varela destacou a alta participación da edición con máis de 85 centros escolares de 21 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Neste senso, explicou que tralo proceso de selección de entre máis de 50 candicatos con idades comprendidas entre os 6 e 18 anos “foron seleccionados un total de 28 mozos e mozas da comarca que representarán aos seus colexios e institutos na Gran Final deste sábado”, dixo o alcalde. Destes 28 candidatos, serán15 os que teñan a ocasión de subir a cantar ao escenario da praza de Amboage para converterse na Mellor Voz de Ferrolterra. Estes serán preseleccionados polos membros do xurado.

O primeiro edil da cidade resaltou o traballo intenso da Concellería de Igualdade e Xuventude “que terá como colofón final unha gran gala nunha das prazas máis importantes da nosa cidade”. Durante a gala, coñecerase a identidade dos finalistas; e aquel que resulte máis votado será proclamado a “Mellor Voz de Ferrolterra” e gañará un cheque de 300 euros, un vale de compra de 200 euros e un curso de canto valorado en 200 euros. Así mesmo, o xurado entregará ao segundo clasificado o premio á voz “Máis especial”, que consiste nun curso musical por valor de 200 euros.

 

6 de maio de 2015 | 15:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.