A praza de abastos de Marín súmase á campaña internacional Quere o teu mercado

A directora xeral de comercio na praza de Marín
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos de Marín xunto coa alcaldesa, María Ramallo, con motivo do arranque da campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebra do 15 ao 30 de maio en 16 países de Europa, América e Asia. A Consellería de Economía e Industria impulsa a celebración por primeira vez na comunidade desta iniciativa apoiando diferentes actividades de dinamización en máis de 50 prazas de abastos de toda Galicia, en colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de comercio.
Ao longo de 15 días desenvolveranse por toda Galicia distintas propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade. Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta xunto co sector celebrarase en todas as prazas de abastos participantes o vindeiro sábado 30 de maio o Día do Mercado, poñendo en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas. Ademais, no marco de Quere o teu mercado, impulsaranse actividades para os máis pequenos, actuacións musicais, e iniciativas nas redes sociais e na páxina web www.quereoteumercado.gal, entre outras.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.
A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados.
O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector comercial da Xunta, que traballa co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade e impulsar a súa excelencia con novos e mellores servizos para os consumidores.











