A praza de abastos de Cangas súmase á iniciativa “Quere o teu mercado”

Francisco Conde na visita á praza de abastos de Cangas
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a praza de abastos de Cangas, unha das máis de 50 de toda Galicia que se suman á iniciativa Quere o teu mercado, coa que, tal e como subliñou Conde, a Xunta busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas resaltando o papel “destas infraestruturas comerciais moi importantes, xa que vertebran a vida económica e a vida social das nosas vilas”.
Conde lembrou que no marco da campaña internacional Quere o teu comercio, que se celebra en 16 países de Europa, América e Asia entre o 15 e o 30 de maio, e á que se suma Galicia por primeira vez, se poñen en marcha diferentes actividades lúdicas en colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de Comercio. Estas actividades culminarán o 30 de maio coa celebración do Día do Mercado.
O conselleiro sinalou que “Galicia tamén quere ser protagonista e poñer as súas prazas e mercados en valor”, sinalando que é nos mercados “onde se concentra a excelencia, a calidade e os produtos máis próximos de cada unha das vilas”. Lembrou Conde que a Xunta está a traballar para potenciar e dinamizar as prazas de abastos, “dándolle o protagonismo que merecen desde o punto de vista do patrimonio, da dinamización económica e social e da vertebración das nosas vilas”. Nese sentido, apuntou que se seguirá colaborando cos concellos e cos praceiros, “que son os que lle dan sentido á actividade das prazas”. O conselleiro de Economía e Industria agradeceu tamén aos clientes que utilizan as prazas de abastos para realizar as súas compras.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.
A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados.
No marco de Quere o teu mercado, impúlsanse nas prazas galegas participantes actividades para os máis pequenos, actuacións musicais, e iniciativas nas redes sociais e na páxina web www.quereoteumercado.gal, entre outras.











