publicidade hoxe

A Pequefeira do Horto Infantil transformou o Xardín Municipal de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Pequefeira en Carballo

Pequefeira en Carballo

O Xardín Municipal ateigouse na mañá do venres 29 de maio para a celebración da primeira Pequefeira do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Ata sete postos dos CEIP Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Bergantiños e Xesús San Luís Romero, do Colexio Artai, do CRA Ponte da Pedra e tamén dos cativos e cativas do obradoiro “O cole de herba” -que se desenvolve de cotío nas instalacións da rúa Nardos- venderon leitugas de distintos tipos, cenorias, herbas aromáticas, purín de ortigas, cola de cabalo, flores, acelgas e máis produtos cultivados de forma ecolóxica e de alta calidade.

De 11.00 a 12.30 horas os veciños e veciñas puideron ver, palpar, ulir e mercar os froitos do traballo dos cativos e cativas durante o curso mentres eles os animaban entusiasmados a comprar sen parar. Coa recadación obtida na Pequefeira, serán os propios cativos e cativas quen decidan o que fan entre todos, ben investindo de novo no Horto, ben desenvolvendo algunha actividade educativa, comprando novo material, etc. O Concelleiro impulsor da iniciativa, Xosé Regueira, explicou que o Horto Infantil é “un proxecto ilusionante e divertido” que, ademais, “conciencia sobre os produtos ecolóxicos e sobre o traballo do agro”. O Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, subliñou que “o Horto é educación”, e manifestou a súa satisfacción por que tivese tan boa acollida entre os veciños e veciñas e espera “que teña continuidade no futuro”. Ademais, constatou unha nova realidade, que, a partir de agora Carballo ten a feira dos xoves, a dos domingos e a Pequefeira.

29 de maio de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.