A música será protagonista da segunda edición da Cidade dos Rapaces
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a segunda edición da Cidade dos Rapaces, a iniciativa que pon en marcha o Concello este domingo, 17 de maio, tras o éxito do ano pasado cando acudiron máis de 10.000 nenos e nenas e unhas 30.000 persoas en total.
“Trátase de vivir a cidade en familia, que O Parrote se converta nun gran escenario e vivir unha experiencia única e festiva con espectáculos sorprendentes e xogos ao aire libre”, indicou a concelleira.
Así, o domingo 17 de maio, de 11.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 22.30 horas, a chaira de O Parrote acollerá a proposta que este ano inclúe o ritmo do rock da man de Rock´n´Kids Band!, e unha discoteca para os máis pequenos cunha Domo Baby e a súa Baboo Experience. Contarase con espazos lúdicos e de enxeño, como O circo no faiado, dos Herrerita, para descubrir as habilidades circenses dos máis pequenos e actividades de ambientación para os grandes concertos con talleres de maquillaxe, percusión, modelismo ou flashmob. Ademais, O Parrote contará con 100 globos de helio de 80 centímetros de diámetro de multitude de cores, inchables, rocódromo, e circuíto de karts; e postos de flocos de millo, gofres e algodóns de azucre gratuítos.
“Como o ano pasado, e cumprindo coa filosofía da Concellaría de Cultura, teremos actividades para todas as idades, incluíndo os menores de 0 a 3 anos, dando resposta a unha demanda familiar que reclamaba este tipo de espectáculos”, destacou Fernández.
En concreto, celebraranse as seguintes actividades:
– Rock´n´Kids Band Show. Dous concertos de rock´n´roll para pais e fillos. “Existe unha crecente demanda por parte dos pais de espazos – actividades onde poder gozar da música en directo acompañados dos seus fillos”, indicou Fernández, quen destacou que a banda, formada polas “iconas do rock” Amy Guay, Angus, Jon Limón, Fredy Mercurio e Kiss, fará un percorrido pola historia do rock a través dos seus temas máis míticos. Esta iniciativa inclúe temas para que os pais e os nenos bailen e canten xuntos e participen activamente do espectáculo.
– Domo Baby con Baboo Experiencie de Imaginart. Unha carpa e discoteca para os máis pequenos; un espazo para bailar, saltar e moverse, unha intensa experiencia visual e sonora cunha selección musical moi coidada e proxeccións para propiciar o xogo.
– Espazos lúdicos e de enxeño como O circo no faiado, dos Herrerita. Un mundo máxico de circo que convidará aos máis pequenos a aprender os segredos das artes circenses como virar o prato, xogos de malabares, monociclo, trapecio ou camiñar sobre o cable.
– Talleres de Rock´n´kids (percusión, maquillaxe, photocoll) e talleres da Asociación Cultural Escala (modelismo).
– Concerto dos Frik&paldis.
“Como en todas as actividades que estamos a organizar neste 2015, como San Xoan Pequeniño onde contamos coa colaboración das bandas locais coruñesas, quixemos axuntar programación infantil e música, levándoa por toda a cidade á vez que se sensibiliza ao público máis novo e se visibiliza o gran talento actual nas compañías que xeran este tipo de contidos”, destacou Ana Fernández, quen concluíu: “A Coruña é música. Por iso apoiamos profundamente o traballo que está a realizar a Asociación Metropolitana Coruña 3.0, en colaboración co Concello, para promover a candidatura da Coruña como Cidade da Música dentro da Rede de Cidades Creativas da Unesco”.
Este evento pon a guinda a un mes de celebracións con motivo do Día das Letras Galegas. Así, durante todo maio, as bibliotecas municipais desenvolven distintas actividades para achegar a figura de Filgueira Valverde aos coruñeses con conferencias e unha extensa mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal de Estudos Locais dispoñible ata o mesmo 17 de maio. Ademais, para conmemorar esta data, a Biblioteca Municipal da Ágora destacará, ata o mes de xuño, propostas da literatura galega centradas no ámbito do misterio; realizarase unha campaña en twitter, cun photocall que percorrerá todas as bibliotecas municipais de forma itinerante; e, durante estes días, non haberá límite no préstamo de obras en galego. O propio día 17, ás 12.00 horas, a Banda de Música Municipal realizará un concerto na praza de María Pita.











