A mesa de coordinación educativa e sanitaria sobre violencia de xénero propón iniciativas para o próximo curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse no Salón de Plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza na que participaron o alcalde (José Manuel López Varela), a concelleira de muller (Rocío López), a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha (Ana Aldao), o comandante do posto da Garda Civil da Laracha (Emilio Arboeiro), o médico-coordinador do centro de Saúde da Laracha (Aquilino Agromayor), o director do CEIP de Caión, as directoras e orientadoras dos colexios da Laracha (CEIP Otero Pedrayo) e Paiosaco (CEIP Alfredo Brañas) e a orientadora do IES Agra de Leborís.

A reunión centrouse nas diferentes iniciativas e actividades propostas polos membros da mesa para desenvolver nos centros de ensino de cara ao próximo curso relacionadas coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a prevención da violencia de xénero, obradoiros afectivo-sexuais e o uso do teléfono móbil, entre outros contidos. Ademais, no IES Agra de Leborís tamén se realizará un programa dirixido á prevención de drogodependencias e de malas condutas.

Como en anteriores anos a coordinación destas iniciativas será canalizada a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM). A súa directora, Ana Aldao, comunicou aos membros da mesa que no próximo curso haberá unha nova metodoloxía á hora de impartir os programas de igualdade nos centros de ensino que se centrará na realización de xogos lúdicos e educativos cos escolares.

Aínda que esta mesa sectorial sobre sanidade e educación se reúne habitualmente cada tres meses, a próxima xuntanza foi fixada para o día 5 de outubro, despois das vacacións de verán e xa comezado o novo curso escolar.

A Mesa de Coordinación sobre Violencia de Xénero está subdividida en dúas mesas sectoriais. A de coordinación policial está convocada para o próximo luns (18 de maio) ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello da Laracha.

12 de maio de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.