publicidade hoxe

A Mesa de contratación de Carballo propón a Gestagua como empresa adxudicataria do contrato de xestión do Ciclo integral da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Mesa de Contratación responsable do contrato de concesión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación que ten por obxecto o “Ciclo integral da auga do Concello de Carballo” propón á empresa Gestión y Técnicas del Agua SL (Gestagua) como empresa adxudicataria do servizo. A escolla realizouse a través dun único criterio de valoración, recollido no prego de condicións, que era o de ofrecer un canon dun mínimo de 100.000 euros que as empresas tiveron a oportunidade de mellorar á alza. O resultado do acto de apertura do sobre B, no que se recolle a oferta económica das cinco empresas que se presentaron ao procedemento, reflicte que a mellor proposta, cunha valoración máxima de 100 puntos, é a de Gestagua por un importe de 360.012 euros. Agora, haberá que esperar a que en próximos días a Xunta de Goberno Local ratifique a proposta de adxudicación da mesa. Hai que lembrar que, despois dun intento fallido para licitar a concesión por un período de 20 anos e por máis de 58 millóns de euros, acurtáronse os prazos e os importes e decidiuse licitar o servizo por un período dun ano, cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O novo contrato respectará as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos.

27 de maio de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.