A marcha cicloturista de montaña ‘La Ártabra’ terá saída e chegada á cidade herculina

Presentación “La Ártabra”
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo xornalista de Onda Cero Javier Ares, e o presidente do Club Ciclista Riazor, Roberto Rilo, presentou esta mañá a oitava edición de La Ártabra – Onda Cero 25 anos, que se celebrará, por primeira vez, na nosa cidade o sábado 27 de xuño.
A marcha cicloturista de montaña sairá ás 15.00 horas da contorna de Riazor e contará con dúas probas: a pedalada, de 55 quilómetros, e a travesía, de 85 quilómetros. Ademais, por primeira vez, celebrarase unha Trail Running de 15 quilómetros que sairá ás 15.30 horas e transcorrerá polo monte de San Pedro e Bens.
O alcalde agradeceu a colaboración de ambas as entidades e lembrou o compromiso do Concello co deporte e coa mobilidade. “Seguimos traballando en todas as iniciativas que, como esta, fomenten a práctica deportiva, e cos colectivos ciclistas nas medidas que fagan posible que a bicicleta sexa un medio de transporte real, multiplicándose por 12 o número de desprazamentos diarios que se realizan en bicicleta, pasando dos 2.000 actuais aos 25.000”, destacou Negreira.
O día da proba, na chaira do Palacio dos Deportes, habilitarase unha zona de exposición e actividades. Así, contarase cunha exposición de bicicletas de época, tendas e mercado. Ademais, haberá un paseo popular en bicicleta (de 09.30 a 11.00 horas), o taller Aprende a andar en bicicleta con Escola da Bici, unha charla coloquio e a exhibición Biketrial; así como un maratón de spinning.
La Ártabra contará coa participación, entre outros, de Eva Castro, Álex Márquez, Marcos Serrano e Ibán Maio.











