A mancomunidade da comarca de Ferrol recibe unha subvención para realizar unha nova edición do programa Territorio de Emprego
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, vén de recibir unha subvención por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para a realización de Programas Integrados para o Emprego durante os anos 2015 e 2016. Deste xeito, o organismo supramunicipal continuará cunha nova edición do programa “Territorio de Emprego” para o curso 2015-2016 tralas anteriores dúas edicións.
Así as cousas, esta iniciativa ten un presuposto total de 73.621,61 euros, dos cales a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia aporta 64.787,03 euros dentro da liña de axudas de programas integrados para o emprego. Esta proposta está coordinada e cofinanciada polos concellos de Cedeira, Narón e Valdoviño; e permitirá proporcionar orientación e formación a un total de 63 persoas desempregadas para lograr a súa inserción laboral.
Este programa integrado para o emprego inclúe formación tanto transversal (cursos de hixiene alimentaria, de prevención de riscos laborais, alfabetización dixital, novas tecnoloxías…) como específica por ocupacións e familias profesionais. Isto permite impartir unha formación encamiñada a adquirir as competencias profesionais necesarias para o desempeño dun posto de traballo, en sectores como os da hostalaría, alimentación, almacenaxe ou comercio, entre outros.
Alto índice de inserción laboral
Nas dúas anteriores edicións de Territorio de Emprego conseguiuse unha inserción laboral total de 68 persoas (36 no programa 2013-2014, e 32 no programa 2014-2015 até o de agora). Unha das principais ferramentas do programa é a sinatura de convenios para a realización de prácticas en empresas, a través dos cales proporciónase experiencia profesional aos participantes e lógrase un alto porcentaxe de inserción laboral. Así, os participantes no programa 2014-2015 realizaron prácticas nun total de 15 empresas da comarca de Ferrol.











