A Laracha inicia a execución de proxectos que suporán un investimento en infraestruturas de 675.000 euros
No último Pleno ordinario celebrado no Concello da Laracha a Corporación acordara aprobar un crédito extraordinario por un importe de 675.000 euros que foi incorporado aos orzamentos xerais municipais para realizar investimentos reais de mellora de servizos, infraestruturas e instalacións públicas. Dito suplemento de crédito foi financiado co remanente líquido de tesourería que deixou o peche do exercicio económico anterior.
Os proxectos de diferentes características e finalidades que o Concello da Laracha deseñou están actualmente en fase de execución (abastecemento de auga na parroquia de Erboedo e a pantalla xigante informativa en Caión) ou de licitación (melloras na rede viaria, reforzamento da cobertura de recollida selectiva e actuacións nos parques infantís).
Actuacións na rede viaria
Están en fase de licitación actuacións na rede viaria que suporán un investimento total duns 381.000 euros. Trátase de obras proxectadas para a mellora das condicións da superficie de rodadura dos vehículos en diferentes estradas e mesmo en núcleos de poboación rural.
As obras afectarán ás vías A Ferrería-Casanova e AC-552 a Maseo (ambas en Coiro), O Igrexario-Nogán (Cabovilaño), A Baiuca-Santa Margarida (Montemaior), núcleo de A Beria (Golmar), DP-1913 a O Cruceiro e núcleo de O Igrexario (Lendo) e Areosa-A Balsa (Vilaño).
Abastecemento de auga en O Vilar (Erboedo)
As obras de dotación coa rede de abastecemento ao núcleo de O Vilar, na parroquia de Erboedo, están xa moi avanzadas e en breve o medio centenar de veciños residentes neste lugar (segundo datos do padrón de habitantes) terán a posibilidade de conectar as súas vivendas co servizo municipal de subministro de auga.
Este proxecto supón un investimento duns 24.000 euros.
Mellora da recollida selectiva
O Concello destinará 28.000 euros á adquisición de colectores amarelos (envases e plástico) para reforzar a recollida selectiva de lixo en todo o termo municipal. Trátase da segunda fase do proxecto municipal dirixido a dotar con este servizo á totalidade dos núcleos de poboación rural co propósito de facilitar a separación dos residuos sólidos urbanos para a súa posterior reciclaxe. Procúrase o dobre obxectivo do respecto ao medio ambiente e a redución da cantidade de material que se recolle e transporta á planta de Sogama para o seu tratamento.
Nesta ocasión a actuación afectará a sete parroquias: Vilaño, Golmar, Soutullo, Soandres, Montemaior, Erboedo e Coiro. No ano pasado, na primeira fase, investíranse outros 34.000 euros na adquisición de douscentos colectores de similares características cos que se mellorou a cobertura nas outras seis parroquias (incluíndo os núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión) que deu como resultado o incremento nun 56% no material recollido para a súa reciclaxe.
Mellora parques infantís
No termo municipal da Laracha existen dezasete parques infantís públicos situados tanto nas vilas como en puntos estratéxicos de núcleos de poboación rural. Recentemente realizouse unha auditoría para coñecer o estado actual dos mesmos e as actuacións que era preciso realizar. De acordo a ese informe, o Concello investirá 29.000 euros na mellora dos parques infantís, incluíndo a substitución dos xogos que así o requiran e o reforzamento da seguridade para os seus usuarios.
Punto de información en Caión
En Caión xa están en marcha os traballos de instalación dunha pantalla xigante informativa na praza Eduardo Vila Fano, en concreto na entrada ao paseo marítimo cara á zona da praia.
Trátase dun panel de similares características ao que está situado na Praza do Concello da Laracha e no que se ofrece todo tipo de información de interese xeral municipal, tanto turística como dos diferentes programas que organiza o propio Concello e os que promoven as diferentes asociacións e entidades culturais e deportivas.











