A Laracha acollerá durante o verán un curso de monitor de fútbol base

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportes
A-
A+

O Concello da Laracha acollerá durante o próximo verán o curso de monitor de fútbol base que organiza a Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Fútbol.

Esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de Deportes, Patricia Bello, recibiron no Concello ao director da Escola Galega de Adestradores, Manuel Mosquera, que presentou a iniciativa nun acto ao que tamén asistiron o presidente do Laracha C.F., José Manuel Ceide “Canito”, e o coordinador da U.D. Paiosaco, Carlos García.

O curso constará de 65 horas lectivas nas que os alumnos recibirán formación en técnica, táctica e reglas de xogo de fútbol e en materias como psicoloxía, anatomía, metodoloxía, preparación física e dirección de equipos. A parte teórica desenvolverase no centro sociocultural de Paiosaco e a práctica, no campo de fútbol municipal A Porta Santa, instalacións que o Concello cederá á entidade organizadora.

As persoas que superen a acción formativa recibirán o diploma que as acredita para poder dirixir equipos de calquera categoría local de fútbol base, desde biberóns ata xuvenís (excepto infantil de Liga Galega), titulación mínima que requirirá a Federación Galega de Fútbol a partir do vindeiro mes de setembro.

Co obxectivo de facilitar a asistencia dos alumnos, acordouse que o curso se desenvolva de xeito intensivo entre o 25 de maio e o 26 de xuño en sesións de tres horas de duración (de 19:00 a 22:00 h).

Todas as persoas que desexen realizar o curso de monitor de fútbol base que se impartirá na Laracha deberán inscribirse na web da Federación Galega de Fútbol (www.futgal.es).

O prezo é de 150 euros, que inclúe a ensinanza completa, os programas, a acreditación e o diploma.

José Manuel López Varela mostrou a súa satisfacción por poder ofrecer “aos veciños do Concello da Laracha a oportunidade de realizar este curso sen saír do termo municipal” e agradeceu tanto a Manuel Mosquera como á Federación Galega de Fútbol a súa disposición para organizar en Paiosaco esta acción formativa.

5 de maio de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.