A iniciativa “Facemos marca. Medrando cos artesáns” achega a artesanía aos alumnos da Pablo Picasso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Sol Vázquez na presentación da iniciativa

Sol Vázquez na presentación da iniciativa

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe na Escola de Artes e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña o proxecto Facemos marca. Medrando cos artesáns, impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Esta iniciativa busca impulsar o emprendemento no sector ao tempo que se contribúe á posta en valor do mesmo, incidindo na importancia social, económica, cultural, local e ambiental da artesanía.

O proxecto, que conta coa implicación do sector artesán galego, iníciase cunha achega aos estudantes das especialidades artísticas co obxectivo de favorecer a incorporación á artesanía a futuros profesionais. A iniciativa iniciouse o pasado mes de marzo cunha achega aos estudantes das especialidades artísticas nunha xornada na EASD Mestre Mateo de Santiago, e despois do seu paso pola Pablo Picasso chegará ás escolas Antonio Faílde de Ourense e á Ramón Falcón de Lugo.

Estes encontros contan coa participación de artesáns de diferentes oficios e localidades galegas que comparten as súas experiencias na aposta pola artesanía. Na xornada celebrada hoxe na Coruña participou o xoieiro Luis González Bahamonte, da empresa de Bergondo Ardentía.

Nestas xornadas difúndense os beneficios vinculados á obtención da carta de artesán, divúlganse os oficios artesanais e a marca Artesanía de Galicia, e complementaranse con cursos formativos en diversas técnicas artesanais, onde os estudantes xunto cos artesáns profesionais establecerán un contacto directo.

Dentro do proxecto Facemos marca. Medrando cos artesáns tamén se levarán a cabo diferentes accións dirixidas ao público en xeral, como conferencias, seminarios, e obradoiros para poñer en valor a importancia do slow made.

Este proxecto encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

20 de maio de 2015 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.