A Guarda conmemora o Día Internacional dos Museos con “Vive a historia!”
O Sábado 16 de maio celebrarase na Guarda o «Día internacional dos Museos» baixo a organización do concello da Guarda e o Padroado Municipal Monte Santa Trega. As actividades, que terán lugar no Museo do Mar, Castelo de Santa Cruz e Monte Trega, estarán dirixidas a nenos e adultos, serán gratuítas, e realizaranse baixo o lema «Vive a historia!» coa idea de que os participantes poidan somerxese no pasado e tradicións da vila.
No Monte Santa Trega ás 12,30 h., farase unha visita guiada especial titulada: «A casa nostra: familia e poder no Trega». O obxectivo será entender como se artellaban e manifestaban as relacións de poder no castro a través dun percorrido por diferentes unidades familiares. A roupa, as relacións de visibilidade/invisibilidade, a decoración arquitectónica ou control dos accesos… son aspectos que axudarán a comprender as diferenzas sociais e imaxinar o día a día no castro. O punto de encontro será a casa reconstruída e a visita contará coa colaboración da Câmara municipal de Póvoa de Varzim.
Pola tarde, a partires das 17,00 h., o Museo do Mar acollerá un «Obradoiro de cordas artesanais de cánabo» impartido por Enrique Gómez Maya.
Finalmente, ás 19,00 h., realizarase unha visita ao Castelo de Santa Cruz co título «Flora e fauna no castelo de Santa Cruz» a cargo de Manuel Álvarez Vicente e membros da asociación A Jalleira. Nela abordaranse distintos aspectos da historia da fortaleza e do seu importante patrimonio cultural.
Non se precisa ningunha inscrición previa para os interesados en «Vivir a Historia!». Será suficiente presentarse no lugar das actividades ás horas indicadas.











