A gastronomía canaria chega á aula de cociña do Centro Comercial Arousa
O Centro Comercial Arousa acollerá mañá, a partir das 20:00 h. e na aula de Cociña da 2ª planta, Cociña das Illas Canarias, un novo taller culinario enmarcado no ciclo España Gastronómica. Un país para saborear. Os asistentes coñecerán a riqueza dos produtos típicos do arquipélago, caracterizados pola súa sinxeleza, frescura e diversidade de sabores, e que a pesar de estar influenciados pola gastronomía caribeña e africana, adquiren unha identidade propia grazas ao clima cálido, os aromas mariños e as tradicionais salsas da zona.
O curso, de carácter gratuíto e aberto ao público ata completar aforamento, estará impartido polo chef de Vago de Viños (Cambados), Luís Feijoo, acompañado por Óscar Vidal, chef do Asador O Pazo (Padrón). Os expertos guiarán aos asistentes na elaboración dun completo menú canario, achegando recomendacións útiles co obxectivo de que poden incorporar os pratos no seu día a día, e mesmo experimentar con combinacións de ingredientes e técnicas creativas apresas durante a clase.
O taller arrincará cun dos pratos insulares máis consumidos, as papas engurradas con mollo picón, que poden servirse como entrante, tapa ou guarnición, e destacan polo toque picante da salsa. A continuación, realizarase cazuela canaria de peixe de roca, un saboroso guiso mariñeiro para o que se utilizarán de forma moderada unhas herbas aromáticas e especias moi recorridas para realzar o sabor dos ingredientes frescos. Este segundo prato poderase acompañar ademais dun dos produtos máis antigos e emblemáticos das Illas, o gofio, feito a base de cereais tostados e moídos.
Para terminar, os chefs apostarán pola cociña tradicional de Tenerife utilizando o tomate, que é, xunto ao plátano, un dos principais cultivos da zona. O doce de tomate pódese servir, ademais de como sobremesa, con salsas, guisos ou simplemente acompañado de pan ou queixo.
As receitas estarán dispoñibles, unha vez finalizada a sesión, na páxina web do centro www.ccarousa.com.
Sobre España Gastronómica
O ciclo culinario España Gastronómica. Un país para saborear desenvolverase o último martes de cada mes –de marzo a agosto- na aula de Cociña, da 2ª planta, e nel elaboraranse pratos rexionais de seis comunidades españolas – Illas Baleares (24 de marzo), Castela e León (28 de abril), Canarias (26 de maio), A Rioxa (30 de xuño), Andalucía (28 de xullo) e Cantabria (25 de agosto)-, guiados por chefs galegos de recoñecido prestixio e especializados na gastronomía de cada zona.











