A gardería municipal de Vilagarcía abre o período de inscrición para a Escola Infantil de Verán dos meses de xullo e agosto
A Área de Servizos Sociais da Concellería de Traballo e Benestar volve a poñer en marcha este ano a Escola Infantil de Verán, unha iniciativa coa que se pretende que o maior número de familias poidan ter acceso ao servizo municipal de gardería aproveitando as vacantes dos nenos que non acudirán ao centro en xullo e agosto por coller vacacións. Trátase dunha medida para favorecer a conciliación das familias e tamén para sacar o máximo rendemento aos servizos municipais. O prazo de solicitude xa está aberto e poderán reservar praza nenos e nenas nados nos anos 2014, 2013 e 2012.
As familias que desexen matricular aos seus fillos na Escola Infantil Municipal durante os meses de verán deberán formalizar a súa solicitude ata o 15 de maio. Deben recoller os formularios na propia Escola Infantil sita na Lomba, e presentaralos debidamente cubertos no Rexistro Xeral do Concello xunto con toda a documentación requirida. A admisión realizarase por rigorosa orde de inscrición.
A documentación que deberán achegar as familias xunto coa solicitude de ingreso componse da fotocopia do libro de familia e fotocopia do DNI do pai e da nai ou dos representantes legais do neno.











