publicidade hoxe

A festa das Letras prosegue en San Sadurniño cun “Café Poético” na biblioteca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

San Sadurniño viviu esta fin de semana os actos centrais de celebración do Día das Letras Galegas. O sábado estreouse na Casa da Cultura a película A Esmorga, que contou coa presenza do seu director, Ignacio Vilar, mentres que o domingo os protagonistas foron o humor de Nabiza Girl e a música de Mini e Mero. En paralelo a biblioteca municipal organizou un mercado de troco de libros por medio do que cambiaron de mans arredor de 40 exemplares de todos os estilos. Hoxe á tarde, a iso das 18.00h. poderanse seguir canxeando libros e, ademais, participar no Café Poético que ofrecerán o grupo pontés Alalá e a autora local María Teresa Pouso.

As actividades da biblioteca xa comezaron o venres pola mañá cunha sesión de contacontos para os nenos e nenas do CPI a cargo de Marisa Irimia, quen lles mostrou toda a riqueza da tradición oral galega. Nesta semana -aínda que fóra da programación das Letras- os contacontos volverán ter o venres un día sinalado. A compañía La GuaGua traerá o espectáculo “A cebra Camila” en dúas veces, unha en sesión de mañá pensada para a cativería do colexio e outra pola tarde -a partir das 17.30h.- para as familias participantes no programa socioeducativo municipal Espazos das Familias. 

A sesión da tarde estará aberta, ademais, a calquera que queira coñecer a historia deste animal creado por Marisa Núñez e o ilustrador Óscar Villán. A actividade conta con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta e será necesario apuntarse previamente chamando ao 981 490 027 (ext. 1).

Hoxe, poesía

O colectivo poético pontés Alalá e a creadora local María Teresa Pouso ofrecerán un recital con creacións propias e nun ambiente de café literario, aberto tanto a xente interesada nas letras e na creación poética como a calquera que queira pasar un bo rato escoitando como falan os sentimentos. O encontro está programado para as 18.00h., momento no que tamén se poderán continuar cambiando libros dentro do mercado de troco organizado pola biblioteca. 

A idea comezou a semana pasada coa entrega de, como máximo, tres exemplares de literatura galega na propia biblioteca ou no colexio. Por cada libro dábase un tícket canxeable durante o sábado e o domingo. Neses dous días pasaron a outras mans un total de 40 títulos e aínda faltan alomenos 20 por recoller.

Humor e música no día das Letras

Tarde de sol -aínda que non de calor- a deste domingo das Letras que invitaba máis a gozar da tarde que dun auditorio. Aínda así arredor de 50 persoas acudiron á Casa da Cultura para gozar do espectáculo histriónico de Chelo García Naveira e do seu alter ego, a superheroína Nabiza Girl. Unha muller con superpoderes provenientes do sulfato que lle deu paso á actuación de Mini e Mero. Dúas institucións da música e a etnografía que repasaron pezas do seu extenso repertorio interpretativo con letras de Cunqueiro, Neira Vilas e outros grandes da literatura galega, ademais de recoller pezas tradicionais e cantares de cego.

18 de maio de 2015 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.