A Feira do Libro da Guarda congregou a unhas 2.000 persoas
A Feira do Libro do Concello da Guarda congregou a máis de 2.000 persoas nas actividades programadas na Praza do Reló. As catro librerías, xunto co posto de venta de exemplares do Concello, que participaron neste evento que se celebrou o pasado domingo coincidindo co Días das Letras Galegas, venderon preto de 600 exemplares.
Durante toda a xornada os postos das librerías estiveron recibindo xente con moitas ganas de mercar libros aproveitando o 20% de desconto que se ofrecía en tódolos exemplares ofertados. Dende as 11 de mañá ata pasadas as 21 horas, de forma ininterrompida, veciños e veciñas da Guarda, e tamén moitos visitantes, acudiron á feira en busca dun libro.
A venta dos exemplares estivo acompañada por un dinámico programa de actividades. A primeira delas, a partir das 12,30 horas, foi unha sesión de contos tradicionais da man de Andrea Bayer. Durante máis dunha hora, esta contacontos, fixo que tanto os nenos e as nenas presentes, coma os seus pais e avós, cantaran, aplaudiran e sobre todo se reísen a gargalladas. Ó remate da actividade, Bayer, xunto co Concelleiro de Cultura, Antonio Lomba, repartiron libros entre os máis de cincuenta nenos e nenas que participaron nesta sesión de contos.
Pola tarde, as 17 horas, a pesar da calor, moitos nenos e nenas achegáronse a Praza do Reló para participar no obradoiro infantil no que traballaron a figura do escritor Filgueira Valverde e tamén conmemoraron o Día das Letras Galegas. Os rapaces foron pintando primeiro e despois construíndo un muíño de papel coa axuda das monitoras.
Pasadas as 18 horas, chegou a Feira do Libro a escritora Elena Gallego, a autora da trioloxía “Dragal” e coñecida como a “J.K. Rowling galega”. A partir dese momento moitos nenos e tamén adultos achegáronse o seu posto para que lle asinara algún dos seus libros. Gallego foi moi agradable con tódolos seus fans e, ademais de preguntarlle que foi o que máis lle gustara das súas aventuras, instounos a preguntarlle a ela dúbidas que lle xurdiran o ler os seus libros.
Sobre as 20 horas deu comezo o monólogo do lugués Oswaldo Digon, coñecido en todo o panorama nacional polas súas funcións nos teatros e tamén por participar no programa de televisión “El club de la comedia”. Digon congregou na céntrica praza a moitas persoas que non deixaron de rir durante toda a actuación.
Como colofón final da Feira, tanto o monologuista coma Antonio Lomba, acompañados dunha man inocente que subiu do público, fixeron o sorteo de catro lotes de libros. Tanto as librarías coma as persoas que se acercaron a gozar das actividades desta Feria do Libro quedaron moi contentas pola programación e pola cantidade de libros ofertados.











