publicidade hoxe

A Escola de Turismo Itinerante contribuirá a mellorar a capacitación do destino Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+

Turismo de Galicia presentou esta tarde aos responsables do sector turístico da zona Arousa Norte a Escola de Turismo Itinerante (ETI), unha iniciativa que nace co obxectivo facilitar o acceso á formación a empresas do sector na nosa comunidade, contribuíndo desta maneira á mellora da capacitación e da imaxe do destino Galicia.

O acto, que tivo lugar no Centro Social de Boiro, contou coa participación do director de Competitividade de Turismo de Galicia, Jose Luis Maestro, o alcalde do concello, Juan José Dieste, e a xerente de Arousa Norte, Irene Maneiro.

Esta presentación conforma unha das sete sesión informativas que Turismo de Galicia ten programadas realizar nos xeodestinos da Costa da Morte, Muros-Noia, Mariña Lucense, Ribeira Sacra, e Arousa Norte e na ruta do viño de Monterrei e Valdeorras.

Durante a sesión, presentouse aos responsables dos establecementos de restauración da zona a Escola de Turismo Itinerante e o seu Plan de Formación para este 2015 dando a coñecer os diferentes cursos que se convocarán dende esta innovadora escola para este ano. Así mesmo, realizouse unha presentación sobre os obxectivos, beneficios e aspectos nos que incide o Manual de Boas Prácticas elaborado por Turismo de Galicia.

Por outra banda, o director de Competitividade de Turismo de Galicia destacou a aposta que está desenvolvendo Turismo de Galicia pola formación no sector turístico e hostaleiro resaltando a súa importancia para a consolidación dun sector competitivo.

Neste senso, José Luis Maestro afirmou que a Escola de Formación Itinerante impulsa unha formación que pon en relevo os atributos diferenciais da marca Galicia. “Grazas a estas iniciativas o sector turístico de Galicia dispoñerá de actividades de formación continua que fomentarán a competitividade do mesmo”, explicou.

O director de Competitividade de Turismo de Galicia concluíu afirmando que Galicia debe apostar por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais turísticos competitivas e que para elo é fundamental realizar labores de formación e asesoramento.

Plan de Formación 2015

O Plan de Formación da Escola de Turismo Itinerante está orientado a mellorar posibles carencias os establecementos de restauración en Galicia como poden ser a atención ao cliente, a resolución de conflitos, a hixiene e seguridade alimentaria, o posicionamento on-line e as ferramentas para mellorar a xestión destes establecementos, entre outros aspectos.

Os cursos, que serán impartidos por formadores do Centro Superior de Hostalería de Galicia, serán todos presenciais e estarán destinados ou a persoal base ou a xerentes, encargados ou propietarios dos negocios.

Cada un dos cursos celebrarase nos sete xeodestinos implicados no plan, o que suporá a celebración dun total de 42 cursos. Deste xeito, o plan de formación pon a disposición do sector en torno a 1.000 prazas.

Aposta pola formación
A Escola Itinerante de Turismo é unha iniciativa máis de Turismo de Galicia a prol da formación dos recursos humanos da nosa comunidade para a acadar un sector competitivo e de calidade.

Esta aposta da Administración turística galega pola formación esta reflectida no Plan Integral de Turismo o cal dedica unha das súas liñas estratéxicas ao fomento do talento para acadar un sector competitivo.

Así Turismo de Galicia desenvolve un plan de acción específico orientado á formación especializada nos diferentes ámbitos do sector turístico de Galicia.

26 de maio de 2015 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.