publicidade hoxe

A Escola de Canteiros abre o prazo de preinscrición para o vindeiro curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+

A Escola de Canteiros da Deputación abriu o prazo de preinscrición nas titulacións ofertadas para o vindeiro curso 2015-2016. No centro poden cursarse as titulacións oficiais de canteiro e mestre canteiro; tamén se ofrece a posibilidade de obter unha formación específica en pedra (cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte ou construción).

Nos cursos de canteiro poden inscribirse os menores de 35 anos que conten co graduado escolar. Para cursar a especialidade de mestre canteiro os interesados deben estar en posesión do título de canteiro.

Os cursos de formación específica van dirixidos a aqueles canteiros que desexen perfeccionar a súa técnica, artesáns ou calquera outra persoa interesada en aprender a técnica de cantería e escultura.

Ata o 31 de xullo

As persoas interesadas en cursar estudos na Escola de Canteiros dispoñen ata o vindeiro 31 de xullo para presentar as súas solicitudes a través do Rexistro da Deputación.

O prazo de preinscrición ampliarase ata o 31 de agosto, pero só para a modalidade en liña a través da páxina web da escola.

Máis de mil canteiros formados en Poio

Na actualidade 300 profesionais formados na escola traballan de canteiros, ben na industria, ben nos máis de cen obradoiros repartidos por toda Galicia.

Estes artesáns, co seu traballo, recuperaron, só nos últimos catro anos, máis de medio cento de bens e inmobles do patrimonio cultural e arquitectónico de Galicia e de países coma México ou Arxentina.

Desde a súa creación, por parte da Deputación de Pontevedra, formáronse neste centro de referencia de Poio máis de mil artesáns e profesionais da pedra.

18 de maio de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.