A Deputación de Pontevedra seguirá patrocinando o Pontevedra CF a vindeira temporada
A Deputación de Pontevedra manterá o seu apoio económico ó Pontevedra CF a próxima temporada. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o convenio de colaboración co conxunto granate para o ano 2014-2015 por importe de 160.000 euros. Pola súa banda, o Pontevedra CF deberá inserir o logotipo da institución provincial na camiseta oficial do primeiro equipo (en todos os seus equipamentos) e noutros soportes coma carteis, entradas para os partidos, aliñacións, marcadores e photocalls do estadio de Pasarón (sala de prensa e túnel de vestiarios).
O convenio tamén establece que o logo da institución deberá aparecer nos valos publicitarios do estadio, nas lonas localizadas nas bancadas e vomitorios do recinto, na entrada ós vestiarios, así como na fachada exterior do recinto deportivo.
Así mesmo, o acordo entre a institución provincial e o Pontevedra CF contempla que a páxina web do equipo deberá ter un enlace de acceso á web da Deputación.
Invitacións para os nenos das escolas deportivas
O convenio de colaboración entre a Deputación e o Pontevedra CF contempla o compromiso que ambas as entidades defenden para fomentar a formación deportiva, cultural e social na provincia. Por iso, baseándose neste acordo, facilítaselles ós menores da provincia vinculados ó deporte o achegamento ó mundo do fútbol.
En virtude deste convenio o Pontevedra CF entregaralles invitacións junior ás escolas deportivas dos concellos que así o soliciten, para que os mozos de ata 16 anos asistan ós partidos que o primeiro equipo xogue no estadio de Pasarón. As entradas deberán solicitarllas ó Pontevedra CF con anterioridade á data de cada partido.
Este convenio estará vixente desde xullo de 2014 ata xuño de 2015. O pago da contía establecida neste acordo efectuarase en dous pagamentos, nos meses de maio e xullo de 2015.











