A Deputación de Pontevedra realizou o sorteo das prazas dos campamentos de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Esta mañá realizouse no Edificio Administrativo da Deputación o sorteo das prazas para os campamentos de verán da Lanzada e Príncipe Felipe. Seguindo as normas establecidas nas bases da convocatoria, o reparto das prazas realizouse mediante un complexo sistema informático, cuns resultados que se publicarán hoxe na páxina web da Deputación. Os datos desa resolución, a admisión no campamento de destino e a quenda asignada tamén lles serán comunicados mediante unha SMS ós pais dos nenos solicitantes. Os proxenitores recibirán unha mensaxe de texto dando conta do resultado no número de teléfono que facilitaron na solicitude.

Así mesmo, nesa mensaxe de texto recibirán un código co que terán que realizar o pagamento da praza no tempo establecido. Este aboamento poderase facer vía telemática, introducindo o código que se lles facilitou na SMS, ou en persoa nalgunha das oficinas da entidade bancaria establecida para efectuar o aboamento (terán que indicar tamén o código asignado).

No caso de que non se cumpran os requisitos establecidos (non se realice o pago no prazo establecido) ou se renuncie á praza asignada hai unha lista de espera para os nenos que non foron seleccionados no sorteo realizado esta mañá.

3.980 solicitudes para A Lanzada e Príncipe Felipe

Segundo os datos presentados polo director do Centro Príncipe Felipe, José Manuel Fernández, este ano presentáronse preto de 4.000 solicitudes para estes campamentos de verán organizados pola Deputación de Pontevedra (3.379 para A Lanzada e 601 para Príncipe Felipe).

Nos campamentos da Lanzada ofertáronse 2.206 prazas e presentáronse 3.379 solicitudes; delas, 3.353 foron admitidas, mentres que 26 se excluíron por presentar a documentación fóra de prazo, non ter a idade requirida, presentar datos contraditorios, faltar documentación ou renunciar os pais. Estes campamentos organizaranse en 11 quendas, do 21 de xuño ó 5 de setembro.

En Príncipe Felipe convocáronse 300 prazas para as que se presentaron 601 solicitudes, das que só se rexeitaron dúas. Estes campamentos organizaranse en seis quendas durante os meses de xuño e setembro.

Nos campamentos de verán poden participar os nenos residentes na provincia nacidos entre 2002 e 2007. O prezo é de 83,60 euros por neno.

Os participantes desenvolverán diversas actividades coma xogos e deportes, actividades na praia, ó aire libre, relacionadas coa natureza e o medio ambiente, artísticas, de teatro e contacontos, de baile, e outras actividades culturais.

29 de maio de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.